O METAL VOLVE AO TRABALLO CO CONFLITO AÍNDA VIVO
Logo de 23 días de folga, os traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra volveron hoxe ao traballo. Pero o conflito máis longo e duro de cantos se teñen producido este ano non rematou. Que os obreiros volveran aos seus postos de traballo non quere dicir, nin moito menos, que se renden e saen derrotados, que aceptan e ceden. Non. A responsabilidade desta decisión procede dos dirixentes sindicais, que racharon a unidade sindical e decidiron desconvocar a folga tomando así tamén un respiro os traballadores, que economicamente estaban a soportar os custes desta longa xeira de folga.
Dende o comezo da folga, a CIG amosouse como a máis firme das tres principais centrais e encabezou sempre as accións dos traballadores. Malia que semellaba que a unidade era un punto en favor dos traballadores, axiña se percibiu que os dous sindicatos oficiais non estaban dispostos a conceder o beneficio do mérito á central galega. Conforme ían avanzando os días e as imaxes dos disturbios en Vigo aumentaban a intensidade, as dúbidas e os matices comezaron a facerse patentes. A mediación da Xunta, que ‘institucionalizaba’ a proposta patronal amedrentou primeiro a UXT e despois a CCOO, que titubeou á hora de posicionarse. Con determinación e co apoio dos traballadores, a CIG foi máis alá e non só rexeitou de inmediato a proposta senón que
convocou a histórica marcha dos traballadores do metal a pé até Compostela. Pero a pasada fin de semana, UXT anunciaba que decidira desconvocar a folga indefinida na que se mantiña o sector; a CIG, consciente de que seguir en solitario era pouco menos ca inútil dixo que deixaba a decisión final nas mans de CCOO, que se pronunciou o luns apoiando (como non!) a postura de UXT. Isto é, a volta ao traballo e conflito en suspenso.
Ben é certo que a duración do conflito estaba a repercutir no aguante dos traballadores, mais non menos certo é que boa parte deles optaba por seguir. Así as cousas, a sensación de que na parte sindical as cousas ‘non se fixeron ben’ está xa instalada en moitos traballadores. Está en dúbida se foi merecente de ser percorrido o longo e duro camiño que os levou a esta situación, e tampouco está moi claro cal será o devir dos acontecementos e en que termos se asinará o convenio final.
A desconvocatoria de folga supón un ‘balón de osíxeno’ para a parte empresarial. Véndose fortes e case como gañadores, o empresariado (coa Xunta escoltando) atrévese xa a anunciar que retomarán as negociacións propoñendo as condicións iniciais: convenio cunha duración de tres anos e unhas subas salariais mínimas que moito se asemellan á propia conxelación. Contando co apoio incondicional da Administración, co favor dos medios e coa submisión de CCOO e UXT, a patronal sitúase en franca vantaxe para perpetrar o golpe de graza da man do sindicalismo oficial, que axiña asinará aquilo que lles presenten…


Chúzao
del.icio.us