E AGORA DISPARA DELFÍN!
O subdelegado do Goberno en Pontevedra falou onte. Ao igual que cada vez que o fai, o noxento cheiro a fascismo que acubilla este imperialista organismo espállase polo aire impedindo respirar o aire fresco da súa democracia, que é a que lles permite actuar como actúan. Delfín Fernández, en ton ameazante, asegurou que a partires da semana que vén os traballadores do metal que mantiveron a folga durante as pasadas semanas comezarán a recibir sancións …incluíndo carácter penal moitas delas.
A súa liberdade, a que as pelotas de goma lles outorgan, permítenlles actuar como actuaron durante o conflito do metal nas rúas de Vigo. Non é preciso lembrar a violencia coa que actuaron, a senrazón das súas accións, o caos que sementaron e os disturbios que crearon sentíndose a gusto neles. Os antidisturbios son os agresores, hai que dicilo ben alto!! Eles son os violentos!!
Pero a súa democracia non contempla sancións para eles, a súa democracia non sabe de cando os danos materiais os producen as pelotas de goma, de cando as cargas policiais esquecen obxectivos e atacan a folguistas e non folguistas, a viandantes e todo o que se cruce no seu camiño. Porque ao parecer, iso enmárcase dentro do que para Delfín Fernández foi unha misión cumprida “de xeito moi satisfactorio”.
A violenta represión contra o movemento obreiro non consiste só na agresión física impune. A cara B da estratexia oficial consta de sancións económicas, xuízos e condenas. Por defenderse, por resistir, por loitar por unhas condicións de traballo dignas. Os androides adestrados para facer cumprir a lei están exentos de actuar dentro dela e os fascistas que ocupan despachos oficiais permítenllelo e encírranos. Senten xenreira contra a clase traballadora e contra o quen non se acomoda ás súas esixencias.
Se seguen disparando non pode haber paz.
Sen xustiza non hai paz!!


Chúzao
del.icio.us
