SEMANA BRANCA: ADIANTE A LOITA LABREGA!!
A situación así o require. Que o litro de leite se venda 10 céntimos por debaixo do seu custe de produción non só non deixa marxe de supervivencia, tampouco deixa marxe de acción: hai que loitar. A mobilización labrega ten un nome: tractoradas. Para esta semana prepararon cinco días de mobilizacións e accións reivindicativas que fagan visíbel a súa loita, para concienciar á sociedade de que este é un problema de País por verse ameazado un dos principais sectores produtivos de Galiza. Esta é a Semana Branca.
A unidade sindical, e o que é máis importante, a unidade gandeira, van tomar esta semana as rúas de Lugo e Compostela con concentracións, manifestacións, tractoradas e máis accións. A
demagoxia dos inimigos da resistencia, dos mantedores do establecido adoitan empregar o argumento das molestias que padece a cidadanía. Pero son precisas. É preciso que toda a sociedade saiba e coñeza de primeira man a situación.
Na capital de Galiza hoxe comezaron a chegar cara o mercado de gando de Amio, onde os tractores fican concentrados dende primeira hora da mañá. Mañá martes está prevista a primeira tractorada, a partires das dez e media da mañá e polas rúas do centro compostelán. Xa o mércores, serán dúas das máis grandes superficies comercias as que verán como os gandeiros levan alí as súas reivindicacións. O xoves terá lugar a manifestación a pé até San Caetano, e o venres as organizacións convocantes realizarán actos informativos na Praza Roxa para trasladar a situación aos cidadáns que se acheguen.
En Lugo o calendario é semellante. Os tractores comezaron a chegar antes do mediodía e pola tarde tivo lugar a primeira tractorada pola beira da Muralla. Mañá martes, os gandeiros irán ás superficies comerciais para facer denuncia pública da situación actual en canto aos prezos de venda e o desfase con respecto aos custes de produción. O mércores será día de tractoradas outra vez e o xoves terá lugar a manifestación a pé até a Subdelegación do Goberno Español na cidade. O venres será o día no que os gandeiros retornen aos seus lugares de orixe.
Dende AugasCeives reiteramos o noso máis enérxico apoio a todas cantas accións leven a cabo os gandeiros, como piares que son da economía do País. Sumámonos de novo á tractorada virtual na rede galega promovida pola RA!


Chúzao
del.icio.us
