Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

16/07/2009 GMT -1

A LOITA MÁIS DIGNA

augasceives @ 19:14

A “Semana Branca” está a transcorrer polos vieiros da dignidade, da loita cívica e da resistencia que vén xa de lonxe… A pelexa pola supervivencia do sector lácteo estase trasládase esta semana ás rúas de Compostela e Lugo. As imaxes dos tractores nas rúas dan pé ás terminais propagandísticas, que desenfocan e manipulan a realidade centrándose no caos que ocasionan e nos supostos prexuízos á cidadanía, non no motivo das mobilizacións. De fondo está a aspiración de rematar cos movementos sociais, coas reivindicacións, con cada conflito laboral que se traslada á rúa. Unha reivindicación tan xusta como a dos labregos, que conta co apoio da práctica totalidade da sociedade galega, non se librou da brutalidade policial e da represión do PSOE. As imaxes das cargas policiais repítense con demasiada frecuencia nas últimas semanas en Galiza, e a remuda do Subdelegado do Goberno non trouxo un cambio na política irracional desta institución imperialista.

 

Semella que non vai ser en balde a loita labrega. Nas últimas horas anunciouse o compromiso das partes implicadas de establecer uns contratos homologados que inclúan un prezo mínimo de 31 céntimos o litro de leite. Agora vemos as consecuencias do ridículo peso español nas institucións europeas, agora padecemos a súa incapacidade e os devastadores efectos que a PAC supón para o noso país, agora acordámonos das famosas cotas… O libre mercado non permite que un sector coma este poida vivir do seu traballo, tan só deixa espazo ás potencias europeas (Alemaña e Francia) e ás grandes superficies comerciais.

A face da democracia española que leva casco e vai vestida de azul, cun porra na man e unha metralleta de pistolas de goma na outra, non quixo faltar á mobilización dos labregos na mañá de onte mércores. As agresións da banda armada española deron con dous labregos feridos, un deles ao hospital. Abondan máis comentarios, unha vez máis as forzas de ocupación facendo valer a súa lei e a súa xustiza. Aínda así, a loita labrega non recuou: cortaron a estrada, accederon a un supermercado e baleiraron boa parte do leite que levaba un camión dunha empresa explotadora.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis