A DEMOSTRACIÓN DE QUE O ÚNICO CAMIÑO É A LOITA
Os labregos pechan a “Semana Branca” con dúas sensacións principais: a capacidade de mobilización e loita dos gandeiros unidos por unha banda, e a irracional política represiva do Goberno Español contra todo movemento social independentemente de cal sexa o colectivo ou o motivo. Cómpre non deixar de salientar que esta é unha loita compartida e apoiada por toda a sociedade galega consciente, a dedución dos motivos é ben sinxela: sen explotacións leiteiras non hai vacas, sen vacas non hai rural, e sen rural non hai Galiza. A pregunta é evidente: ante a gravidade da situación, o sistema só contempla a opción da loita (coa peaxe de ser mallados) para acadar algo tan básico como a supervivencia?
Hoxe de novo os tractores botáronse ás rúas de Lugo, debuxando de novo arredor da grande muralla o verdadeiro balado da dignidade galega, o que teceron os tractores colapsando a cidade. Ao remate, cada un comezou a volta cara os seus lugares de orixe agardando que se materialice o acordo anunciado que fixa o prezo mínimo do leite en 31 céntimos o litro, cifra coa que a maioría se amosou medianamente conforme por ser un avanzo con respecto á crítica situación na que se atopan.
Precisamente para exercer presión até que se ese acordo se asine definitivamente, os labregos decidiron deixar durante toda a fin de semana os seus tractores no mercado de Amio, onde levan concentrados toda a semana. Segundo anunciaron os sindicatos, posto que de momento non hai nada asinado, non marcharán da Capital galega até que sexa definitivo o acordo. Hoxe foi día de actos informativos e reparto de leite de balde aos composteláns e compostelás.
A situación que motivou esta protesta masiva non é outra que a máis xusta e digna do mundo: os labregos non están a esixir melloras nin privilexios, están a loitar polo seu salario, porque se lles pague o seu traballo diario como calquera outro traballador. Este non é un conflito ao uso, aquí está en xogo a supervivencia de todo un sector que é piar básico na nosa economía e no existir deste País. Nada disto o entenden os represores do PSOE, non é razón para que Louro mude a política do seu antecesor no cargo, Ameixeiras. As forzas de ocupación neste país están a sobordar os límites imaxinábeis.
Parabéns!! Símbolo dun País que loita!!


Chúzao
del.icio.us
