BRUTALIDADE POLICIAL AO SERVIZO DA ILEGALIDADE EN CANGAS
En Cangas do Morrazo represéntase outro exemplo da Democracia Española e o Estado de Dereito no que vivimos, outro exemplo de libre participación cidadá. A atrocidade que as caras máis voraces do sistema especulativo pretenden levar a cabo en Massó volven á actualidade. Nunca deixou de estar viva a defensa da terra e a oposición veciñal ao Porto Deportivo que os poderes económicos queren construír, mais nos últimos días reactívase a viveza do conflito e a determinación da cidadanía a seguir loitando. Esta mesma mañá, dezaseis persoas foron detidas durante as protestas contra a construción ilegal do Porto Deportivo no espazo protexido cangués.
A oposición veciñal recibiu nas últimas semanas importantes apoios que avalan a súa posición. O pasado mes de abril, o Rainbow Warrior (o barco de Greenpeace) achegábase á costa canguesa para apoiar a concentración que por mar levaron a cabo as pequenas embarcacións da vila en sinal de rexeitamento aos planos destrutores da Ría. A pasada semana, o Premio Nobel da Paz Pérez Esquivel achegouse ao Morrazo para pórse publicamente do lado dos veciños na súa loita contra a especulación.

Tamén nas últimas semanas se levan producido constantes concentracións e actos de rexeitamento ao proxecto, totalmente ilegal. O Foro Social de Cangas é quen, con outros colectivos, encabeza a loita veciñal. Sinala directamente á alcaldesa Clara Millán, do BNG, por non facer nada para evitar as obras: reclámanlle que as paralice por non contaren estas con varios requisitos imprescindíbeis. E é que as obras da praia do Salgueirón non teñen licenza de obra, non teñen orzamento e non teñen prazos de comezo e remate das mesmas. Mais nada disto é impedimento para que a brutalidade policial se poña ao servizo da ilegalidade. Con todo, tampouco esta violencia legal é asoballa aos veciños. O pasado 20 de xuño, a tivo lugar unha impresionante manifestación pola vila como demostración de firmeza. Nesta ligazón pódense atopar as razóns para entender o que está a acontecer en Cangas.
Esta mesma mañá, como cada día, veciños e veciñas acudían ao lugar de entrada á obra para protestar contra a mesma que, lembremos, carece de licenza municipal. Os e as activistas decidiron colocar un vehículo para impedir o paso dos camións, nunha zona na que non está prohibido estacionar. Membros da banda armada española Guardia Civil obrigaron ao dono do automóbil (un representante do Foro Social de Cangas que xa fora detido a pasada semana) a retiralo de alí. Vivíronse momentos de tensión e foron até oito os coches de Policía e Garda Civil que acudiron para protexer as obras ilegais. Entre os veciños concentrados atopábase o propio Concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo (FPG), que tentou explicarlles aos defensores da ilegalidade que os traballos que se están a realizar alí carecen dos preceptivos permisos legais. Foi en van. Até 16 persoas foron detidas (incluída a propia Concelleira de Persoal de Cangas, tamén da FPG) e mesmo unha permanecía nun centro hospitalario vigués esta tarde.
Denuncian, e denunciamos, a pasividade e o consentimento que converte a BNG e PSOE en cómplices e culpábeis do desenrolo dunhas obras ilegais que van supoñer a eliminación de máis de 250.000 metros cadrados de explotación pesqueira e marisqueira (por non falar do seu valor ecolóxico e medioambiental) debido aos recheos. Unha manchea de irregularidades que inclúen o outorgamento de licenza a unha empresa que non gañou o concurso e que vai constituír un duro golpe para a economía da zona e a forma de vida dunha vila mariñeira.


Chúzao
del.icio.us
