ESTAFA AO SECTOR LEITEIRO GALEGO
A “Semana Branca” que os gandeiros galegos protagonizaron en Compostela e Lugo forzou de seguro o anuncio de acordo entre distribución, produtores e industria. Nun primeiro momento, falouse que se asinarían contratos homologados con prezos mínimos fixados en 31 céntimos por litro. Esta medida, aínda que escasa en canto ao prezo, fixo que o sector leiteiro galego gañara a sensación de que a súa loita estaba sendo útil e colectando obxectivos. Abríase a porta para que puidera entrar luz no escuro panorama que ameazaba de morte ás explotacións galegas. Con todo, os gandeiros decidiron manter os seus tractores no mercado de Amio (Compostela) durante toda a pasada fin de semana até que se asinara definitivamente o acordo onte luns en Madrid. Mesmo realizaron unha imprevista mobilización a pé. A súa desconfianza tiña fundamento.
O anunciado onte e asinado por UUAA e XXAA non era o que os gandeiros ouviron a semana pasada. Tomando como referencia o prezo do leite francés máis os custos do transporte, os contratos homologados recollerán un prezo medio de 31 céntimos o litro. O matiz, malia que pode parecer irrelevante, é ben suficiente para que o SLG non asinara esta estafa e criticara o acordo, que non é o que nun principio se anunciara. Prezo medio indica que os gandeiros recibirán valores que tanto superarán eses 31 céntimos como ficarán por debaixo, isto é, o problema de non cubrir os custes de produción non se soluciona. O SLG ía a Madrid –en palabras da súa Secretaria de Organización Lídia Senra- coa idea de que o mínimo de 31 céntimos era escaso (situaban a súa demanda en 34 céntimos), mais ao non chegar nin a isto consideraron razón suficiente para non asinar. A nivel estatal, COAG (na que participa o propio SLG) tampouco asinou o documento.
Esta farsa, que ten como obxectivo desactivar as mobilizacións do sector, foi apoiada por Unións Agrarias (sindicato agrario do PSOE) e Xóvenes Agricultores (sindicato agrario do PP). Unha mostra máis de que non son de fiar. Ademais, o marco no que se pactan as condicións do futuro do agro galego é, unha vez máis, Madrid, unha das eternas eivas da nosa terra. Os asinantes pechan o círculo e exclúen dos mecanismos de seguimento e outras xuntanzas futuras a quen non subscribira o acordo de onte.


Chúzao
del.icio.us
