"CONTRA A CRISE DO CAPITAL, SOBERANÍA NACIONAL"
Causa Galiza chama un ano máis, como cada Día da Patria, á unidade do independentismo galego. A plataforma formada pola meirande parte das formacións da esquerda soberanista de Galiza sairá á rúa o próximo sábado, 25 de xullo, para unha vez máis facer visíbel o traballo que durante todo o ano se leva a cabo dende a base, comarca a comarca, nun eixo común malia todas as matizacións que se queiran pór. “Soberanía nacional” segue a ser a reivindicación clara e firme, convencidos e convencidas de que aí mora a resposta a cada un dos problemas que eivan o desenvolver desta nación.
En momentos difíciles para este país, nos que os sectores produtivos se ven ameazados pola indiscriminada man devastadora do libre mercado, nos que o capitalismo atopa vías de auga cada día que o afunden malia os seus propios esforzos, nos que o españolismo imperialista volveu pór bandeira en terra conquistada, nos que a máis intolerante “liberdade lingüística” se torna violenta contra o noso idioma, nos que vemos como esta crise deseñada ten efectos contundentes entre a clase traballadora…
Por tantas outras moitas razóns, o sábado 25 á unha da tarde na Alameda compostelá, a Galiza consciente ten que esquecer todas cantas fragmentacións inútiles existan, deixar de lado as siglas e as letais ansias personalistas para saír á rúa. Mais as actividades non se reducen á manifestación; pola tarde, no Parque de Belvís haberá unha Romaría popular coa presenza de colectivos de todo o país, actividades culturais, deportivas, etc.


Chúzao
del.icio.us
