AOS DEPREDADORES XA NON LLES VALE O "DIÁLOGO"
Levan varios días os medios empresariais propagandísticos falándonos das negociacións “a tres bandas” entre o que o Goberno Español e o que deron en chamar “axentes sociais” co fin de seguir adiante co chamado Diálogo Social. As organizacións empresariais e os dous sindicatos maioritarios a nivel estatal sentan co PSOE en representación, din, do empresariado español e dos traballadores e traballadoras. En plena crise económica é a patronal a que esixe e a que aproveita para tentar sacar tallada, co Goberno en principio freando as súas ansias e cos sindicatos á expectativa.
Así, agardando caladiños e quedos están UGT e CCOO. Coa clase traballadora pagando a crise en forma de paro, EREs e despedimentos masivos, as voces sindicais afíns ao goberno do PSOE tentan conter as demandas de folga xeral defendendo a actuación do Goberno e querendo explicarnos que non hai motivos. Con taxas de paro en niveis elevadísimos seguen a acubillarse até que deixe de chover. Noutros estados europeos, como Francia ou Portugal, son xa varias as veces nas que a clase traballadora se botou á rúa estando en cotas de desemprego que España tiña nos momentos de crecemento económico de hai dous anos, en mínimos históricos.
Actitude distinta ten a patronal. Sendo parte dos culpábeis dunha crise que está a afundir o sistema que os ampara, non queren deixar pasar a oportunidade e manteñen posicións agresivas. Día si e día tamén falan de reformas laborais, de abaratamento do despido, de máis vantaxes fiscais… Non lles abondan as reformas lexislativas que sempre os favorecen, as bonificacións por case todo, as subvencións públicas a esgalla, a impunidade no incumprimento de case calquera lei (en materia de medio ambiente, de seguridade e saúde, de liberdade sindical, etc.). Son insaciábeis. A súa crise é un simple descenso de beneficios, pero aproveitan as circunstancias para xustificar deslocalizacións, peches inxustificados, despedimentos, EREs…
E no medio, o Goberno do PSOE. Que por discurso debe manter distancia coa dereita neoliberal e abusiva da patronal, que á súa vez representa a face social do PP. Debe tamén manter sintonía coas prédicas dos “seus” sindicatos. O equilibrio tradúcese na Mesa de Diálogo Social, un invento para manter a calma e a paz social na que non se contemplan demandas dos traballadores e na que se tentan ocultar á sociedade as vontades esaxeradas do empresariado. Paz, entendemento, diálogo e cooperación son conceptos moi do gusto de Zapatero, pero sempre e cando non supoñan molestia ningunha para os poderes económicos e poida ao tempo manter axeonllados aos sindicatos do réxime.
A patronal esixe unha rebaixa de cinco puntos porcentuais nas súas cotizacións e propoñen xa abertamente o despedimento libre. Nin máis nin menos. O Goberno “tan só” ofrece unha rebaixa do 1’5%. As desorbitadas pretensións do empresariado poden disimular esta nova cesión do PSOE, disfrazándose de firmeza e facendo que a oferta de rebaixar máis aínda as achegas patronais apareza como algo normal. Os sindicatos oficiais, como xa dixemos, calan.
Velaquí vemos a verdadeira face de cadaquén. Por unha banda, os depredadores; en fronte, os coelliños asustados; e no medio, un Goberno que se amosa traizoado pola patronal coa que non tiña máis ca entendemento. E onde están os traballadores? Nesa “Mesa” non están representados, porque o “Diálogo Social” é un monólogo no que varios corpos dun mesmo interese falan entre si.


Chúzao
del.icio.us