FESTA, REIVINDICACIÓN E VIOLENCIA NO DIA DA PATRIA '09
O Día da Patria veu marcado un ano máis polas mobilizacións en Compostela. Dunha parte, a tradicional manifestación convocada polo BNG que levou ao “nacionalismo oficial” á Quintana; doutra banda, a que un ano máis xuntou detrás da faixa de Causa Galiza ao independentismo que integra a plataforma soberanista. Mais non se pode obviar se queremos relatar o acontecido esta fin de semana a violenta represión policial da noite do 24 de xullo, que rematou con varios feridos.
O oficialismo saíu á rúa un 25 de xullo máis instalado nos baleiros debates cos que enchen os seus medios propagandísticos. Atacando ao Partido Popular polas agresións contra a nosa lingua e facendo referencias á crise capitalista e aos seus efectos, pero sen posicionarse decididamente contra o propio sistema. Sen máis. Sen referencias aos mozos agredidos impunemente e sen motivo ningún a noite anterior, sen pór en cuestión a política represiva do Goberno Español en Galiza, sen “condenar” a violencia contra os veciños de Massó e tantos outros que en cada recanto do País mantén viva unha loita distinta. Afastados, en definitiva, dos movementos sociais dos que un día se valeu.
Lonxe das coordenadas institucionais, varias entidades organizaron múltiples actos nunha xornada de festa e reivindicación a partes iguais. Non faltaron concertos, presentacións de libros, palestras e todo tipo de actividade cultural, mobilizacións polas rúas, etc. Todos os actos contaron con desmedida actuación policial que converteu Compostela en algo semellante a unha zona de guerra, ocupada e chea de “homes” armados dispostos a “manter a orde”.
Para a noite do 24, tanto Briga como AMI tiñan convocadas cadansúa manifestación. No primeiro caso, a Policía española converteu as estreitas rúas da zona vella compostelá nunha rateira na que pechou os accesos e agrediu brutalmente a varios mozos sen media motivo ningún. En actitude desmedidamente provocadora, as Forzas do Estado Español acompañaron continuamente os actos todos nos que o independentismo era protagonista. Os enfrontamentos reproducíronse cando a Rondalla organizada por AMI estaba a piques de saír, algo que os antidisturbios impediron a base de paus e violentas cargas.
Onte 25, a plataforma Causa Galiza era quen estaba detrás dun amplo abano de actividades. A manifestación dende a Alameda até o Toural e o xantar popular de despois no Parque de Belvís foron os actos centrais, sen esquecer a manchea de actividades que pola tarde tiveron lugar no devandito parque. Mais cómpre facer referencia á mobilización e á desproporcionada presenza policial, continuamente en ton provocador, que acompañou o percorrido até a Praza do Toural. Xa alí, os antidisturbios atoaron os accesos impedindo entrar e saír da praza. Unha situación absolutamente anormal que viola un bo feixe de dereitos fundamentais dun sector da poboación continuamente criminalizado por razóns políticas e ideolóxicas.
Pero ningunha voz "oficial" ha condenar esta violencia. Porque con esta non se tira rédito electoral, porque esta violencia non hai que condenala para poder participar no seu xogo.


Chúzao
del.icio.us
