Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

29/07/2009 GMT -1

EN MASSÓ, CONTRA TODA ESTA CASTE DE ESPECULADORES QUE DESPREZAN A NOSA TERRA

augasceives @ 22:31

A efervescencia dun pobo que loita vai alén de datas simbólicas. Pasado o Día da Patria, no que estiveron presentes todas as loitas vivas que se manteñen en Galiza, toca agora volver ao normal decorrer do almanaque con forzas renovadas. Exemplo é Cangas, e a loita veciñal contra o porto deportivo ilegal que os aniquiladores queren construír en Massó. O vindeiro sábado, un de agosto, ás oito do serán, o pobo consciente sairá de novo á rúa esixindo a paralización inmediata das obras. Esixíndolle, á alcaldesa do BNG que atenda o interese común e non o económico e privado. Velaquí, en Cangas, a face máis desprezábel deste Bloque atado de pés e mans ao poder dos cartos que por detrás move os fíos.

 

A loita vén de lonxe, dende o coñecemento das disparatadas intencións e o comezo das obras, pero avivouse nas últimas semanas logo das detencións e os novos casos de violencia policial cara a dignidade veciñal que só está a defender a ría e o seu propio futuro. Mais como xa temos dito noutras ocasións, esta violencia non é preciso condenala. O tripartito dirixente mira para outro lado porque moito teñen que calar cada un dos tres. Nun concello que carece de PXOM que permita a instalación dun porto semellante ao previsto, os números que rodean este proxecto son tan brutais como as ansias especuladoras dos responsábeis desta atrocidade: 200.000 m2 cadrados de lámina de auga, 600 m de espigón e 65.000 m2 de recheo que esnaquizarían unha zona de incalculábel valor pesqueiro, marisqueiro e por suposto, medioambiental. Malia unha manchea de probas que sinalan como ilegal a construción e que teñen sido denunciadas pola Confraría de Pescadores, a Xustiza non paraliza a obra, como tampouco o fai a Alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG).

Informe contrario da Consellaría de Pesca, Estudo de Impacto Ambiental claramente irregular, un atentado ecolóxico que supón o maior “pelotazo” urbanístico de Galiza, perda de 500 postos de traballo relacionados co mar e ameza directa ao pequeno comercio local, roubo duns terreos públicos, burla da legalidade urbanística, tramitación fraudulenta de expedientes, corrupción da Guardia Civil para a protección de fins privados, desleixo das responsabilidades municipais, criminalización dos movementos sociais, detencións e sancións a opositores, manipulación informativa… Quen podería ter tecido tal rede para pór ao servizo do poder económico? Efectivamente, a conxunción do poder económico e político, da man da forza policial e o traballo mediático. Só así se explica e enmascara quen está detrás: a sociedade que executará o proxecto chámase Marina Atlántica, que é controlada en boa parte por Caixanova, entidade financeira que contribuíu economicamente a varias campañas do BNG, partido político que ostenta a alcaldía canguesa. Aí se pecha o círculo letal que pretende agredir a Ría.

Fronte a toda esta arañeira de corrupción, a sociedade berra unha vez máis “Goberne quen goberne, a ría non se vende”. De tal importancia é a manifestación do próximo sábado que xa invade o ar do Morrazo o espírito de Galiza Non Se Vende.

Por último, recomendamos ollar esta reportaxe de GZVídeos sobre as concentracións en prol dos detidos a pasada semana en Massó, que axuda a entender máis polo miúdo este conflito.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis