NIN TOURADAS NIN DESTRUCIÓN DO LITORAL
Nun verán que non é tal, o pobo non folga e segue en pé contra as agresións que se pretenden consumar contra a nosa terra. Esta primeira fin de semana de agosto tiveron lugar dúas importantes mobilizacións cargadas de dignidade contra o desprezo capitalista: en Pontevedra contra as touradas e en Cangas contra a construción do ilegal Porto Deportivo. Na cidade do Lérez segue medrando a oposición na rúa á sanguenta tradición allea que queren implantar en Galiza, no Morrazo o pobo reacciona contra os letais plans do poder político e económico e contra a represión dos gardas do ilegal.
En Pontevedra, contra a barbarie “toureira”
Numerosos colectivos apoiaron a manifestación que ás sete da tarde saía da Peregrina contra a expresión máis propia do fascismo españolista. A que eles chaman “fiesta nacional” componse de todos cantos tópicos construíron o prototipo de cidadán do réxime que o franquismo creo. Ao son da gaita en entre consignas e berros contra o infame “espectáculo” máis de medio milleiro de persoas apoiaron a convocatoria. Con todo, a oposición real non se representa na súa totalidade pois son moitos os factores que crean unha imaxe irreal do que é un apoio minúsculo da sociedade galega ás touradas: as chamadas “peñas” en Pontevedra non son máis ca grupos de mozos e mozas co único fin de facer festa, sen interese ningún na barbarie. Pola contra, os pro-touradas adoitan responder ao perfil agresivo e violento (en boa parte dos casos moito ten que ver o asentamento militar de Pontevedra) que non poucas veces dá como resultado liortas nas noites pontevedresas.
A tentativa de implantar unha tradición allea en Galiza responde ao afán da dereita española (PP +
PSOE) de autoconvecerse a convencernos do carácter uniforme do que chaman España, a pasividade e complicidade do nacionalismo galego “oficial” facilita moito a tarefa. Mais esta non é unha tradición calquera, alén do identitario constitúe todo un espectáculo inaceptábel de tortura e maltrato animal que de ningún xeito pode ser considerado como cultura. A indignación medra se coñecemos os inxentes fondos públicos cos que se financia (42 euros de cada un dos nosos petos segundo algún informe publicado) este noxento negocio. Como nota positivo, salientamos o notábel incremento de participantes na manifestación de repulsa do pasado sábado, aínda que ao tempo se estiveran producindo 6 das 24 matanzas (logo do previo maltrato) que nestas dúas fins de semana se executarán en Pontevedra. A democracia española tampouco condena esta violencia, promóvea! (picar na imaxe para ver o video de GZVideos)
En Cangas, contra a barbarie en Massó
A violenta actuación policial e indesexábel trato que recibiron os e as detidas hai poucos días ían tamén nos ánimos dos manifestantes, que non esqueceron que as dezaseis vítimas eran bandeira da dignidade que preside esta loita. Quizais o mellor resumo da inquebrantábel determinación do pobo de Cangas resúmese nas palabras que un dos detidos pronunciou na súa intervención ao remate da mobilización: “Que lle quede claro á empresa e ao señor Delfín Fernández que aínda que mande a 500 guardias civiles imos impedir que fagan este porto deportivo”. Os coros púxoos o resto da manifestación: “policía asasina!” e “garda civil, fóra de Massó!” É de agardar que BNG, PSOE e Caixanova tomaran nota da vontade popular, porque téñena en fronte se queren seguir adiante cos seus letais planos. Hai que dicir que as forzas represoras detiveron a unha persoa no marco da mobilización do pasado sábado, que ficou retida durante 24 horas, segundo informa Ceivar.
Foron moitas máis das 5000 persoas que os medios de propaganda din as que encheron as rúas de Cangas o pasado sábado para berrar alto e claro contra a construción do Porto Deportivo e a destrución da costa e os postos de traballo. A práctica totalidade dos establecementos comerciais pecharon as súas portas en solidariedade pendurando cartaces de apoio á manifestación. Na cabeceira, ningún político profesional portaba a faixa sorrindo para as fotos. Eran mariñeiros os que avanzaban abrindo o camiño que o resto do pobo presente seguía. Un xesto cargado de simbolismo: é a súa forma de vida, ademais da propia costa a que está ameazada.
Unha vez máis tan só reiterar o máis firme apoio de AugasCeives a estas dúas loitas que non teñen sede en Cangas e Pontevedra, pois detrás está todo o pobo galego que rexeita a destrución do litoral e a tortura animal.


Chúzao
del.icio.us
