Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

05/08/2009 GMT -1

CENTRALISMO AMEAZANTE

augasceives @ 18:04

Recuperamos as colaboracións de opinión e facémolo cun artigo da compañeira Sabela Ferreirós. O debate xerado arredor do futuro das caixas de aforros de Galiza centra estes días a actualidade económica en Galiza baixo a ameaza do implacábel centralismo, sempre ameazante.

  

En plena crise do sistema capitalista, por non dicir creba evidente, Galiza ve como os números arroxan un saldo de 192.000 parados segundo os últimos datos coñecidos. Aceptaremos para a argumentación esta cifra pero sabemos que é irreal, pois non contan aí os traballadores e traballadoras afectados nestes momentos por EREs, que medran día a día. Nestes primeiros días de agosto, o debate das primeiras nos medios empresariais falan da incerteza arredor do futuro das caixas. O sistema financeiro e bancario é un dos principais responsábeis de todo canto acontece na economía, pois abusaron dos seus resortes sen contemplar os riscos. Non sería coherente defender unha ou outra postura arredor do debate que se está a xerar con respecto ao futuro das entidades bancarias por parte de quen defende un outro modelo económico, que non se basee na liberdade absoluta dos grandes banqueiros e na impunidade que os resgarda. A aposta de quen escribe non é outra que a creación dunha banca pública que sostente a economía produtiva e se afaste das prácticas especuladoras que están detrás dos inxentes beneficios dos que presumen os bancos de hoxe en día.

Mais a posibilidade da que se fala con respecto ao futuro das dúas principais caixas de aforro galegas leva consigo unha manobra de colonialismo económico de tráxicas consecuencias. Sempre estivo presente a posibilidade da fusión entre a Caixanova e Caixa Galicia, o que daría lugar quizais a unha entidade maior, máis eficaz e competente, cando menos sobre o papel. Ben é certo que suporía a destrución de moitos postos de traballo, mais é un factor inseparábel deste tipo de operacións. O debate céntrase agora na idea lanzada dende Madrid de crear unha nova caixa por man do que deron en chamar “fusións interrexionais”, isto é, o agrupamento de caixas de distintos territorios do Estado. A que atinxe a Caixa Galicia sería o casamento cunha CAM (Pais Valenciá) e Caja Madrid, ou o que é o mesmo, que o centralismo económico radicado en Madrid engulira a principal caixa de aforros do noso país.

Xunto á fuxida de sedes, mudanza de nome, perda de toma de decisións e outras consecuencias moi negativas para a economía galega, agóchase detrás unha agresión á xa fraca autonomía financeira desta nosa “Comunidade Autónoma”. A consecuencia meirande desta operación sería a perda do financiamento de numerosas iniciativas actividades culturais. Se ben é certo que a chamada Obra Social das dúas caixas galegas ten hoxe un enfoque moi mellorábel e precisa dun outro criterio, Caixa Galicia e Caixanova son despois da administración pública as máximas inversoras en industria cultural. Insistimos: isto non xustifica nada, máis a perda deses fondos non ten porque ser consentida.

As reaccións políticas son máis ou menos as agardadas. O BNG oponse firmemente e volve reiterar a súa aposta de fusionar para crear “unha gran caixa galega”. A indefinición habitual do PSOE só lle permite oporse, en principio por discurso, pero… E o PP garda silencio. E faino porque sabe que unha operación pensada pola dirección central do seu partido en Madrid, á que non se atreven a levarlle a contraria; pero por outro lado son conscientes de que a operación sería un golpe moi duro á economía galega. Recordan que é a Xunta a que tería o poder de autorizar ou non definitivamente a operación, mais polo momento gardan un preocupante silencio.

O centralismo é insaciábel e sabe como facer dano. Sen dúbida que o mantemento deste sistema non é a solución a esta crise súa crise, mais que se por enriba saímos perdendo un elemento central na nosa magoada economía…

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis