UN GOBERNO QUE É EXEMPLO DE DESTRUCIÓN
Paseniño, mais sen pausa por vacacións nin nada semellante, a determinación esmagadora do PP está a arrasar este País. Axiña tivemos claro que o Goberno de Feijóo había ser unha compañía de demolicións disposta a derrubar todo canto quedara en pé do feito polo anterior goberno, pero estanos a sorprender a súa voracidade. Combinando golpes letais e sonoros con outros máis sutís e case imperceptíbeis, o PP está no camiño de superar a infamia fraguista que tan lastrada deixou esta Nación. Mesmo poderiamos dicir que por derrogar, semella que derrogaran até o Decreto do Verán!! A gris e neboenta escuridade invádeo todo e non hai día no que non teñamos que indignarnos con estes miserentos gobernantes.
Nunca nos caracterizamos aquí por defender precisamente o chamado Concurso Eólico, que o anterior goberno aprobou nos últimos días do pasado ano. Pasa por ser unha das “medidas estrela” da lexislatura pasada pois converteuse no maior concurso público de semellantes características que este sector viu nunca en Europa. Case 2300 MW “repartiu” o goberno dunha das maiores potencias eólicas do mundo. Sempre defendemos a nacionalización dos nosos recursos naturais e o aproveitamento en favor do pobo galego, mais a alta política non pode separarse dos intereses do poder económico, que é o verdadeiramente dominante nestes sistema creado por e para eles. A iniciativa ideada polo BNG esixíalle a cada proxecto presentado unha participación mínima do 14% para cederlle á Xunta, ou o que é o mesmo, unha mínima participación pública en cada novo parque que se construíra.
Apoiándose precisamente nesta cuestión, o PP baseou a súa decisión de derrubar o concurso e anular todo o proceso. Falou de inconstitucionalidade para liquidar ese requerimento de participación pública e aproveitou esa suposta vía de auga para fundamentar unha decisión que xa tiña tomada, e á que só lle faltaba un argumento legal. Foi este, que ademais serve para achegarlle grandes titulares ao voceiro propagandístico desta Xunta que non é outro que as enzoufadas follas que se publican en Arteixo.
Lonxe de estarmos en sintonía co procedemento do Bipartito (foi unha das cuestións máis criticadas nesta páxina) vemos unha soa motivación detrás de todo o que move ao PP: eliminar todo vestixio que poida ficar do goberno anterior guiándose polas directrices emitidas dende a caverna madrileña, da que Esperanza Aguirre e a FAES teñen o control absoluto. As teses do PP están moi afastadas da participación pública, e esta non ía ser unha excepción, como xa non o foi a oposición rotunda á creación dun grupo lácteo galego.
O de Feijóo é un goberno sen principios nin valentía e o seu faro non é outro que a destrución de todo canto soe a identidade galega. A cuestión eólica, sendo un asunto económico de primeira orde, non é máis ca un outro paso polo carreiro que emprendeu na súa chegada a San Caetano e no que leva pisado as esperanzas da clase traballadora, do sector lácteo, da defensa medioambiental, as Galescolas, a cultura (música, arte, etc.) e sobre todo, a nosa lingua. Ridiculizacións como “a enquisa” e outras manobras que acompañaron aquelas semanas nas que a comunidade educativa reaccionou, as mensaxes case insultantes, a invención de termos (galeguismo cordial, amábel, etc.), as alusións a persoeiros ilustres da Nosa Historia aos que coas súas accións non respectan, a prostitución de conceptos a favor dos seus intereses… Por último, unha pequena referencia ao desmantelamento cultural silandeiro que están a padecer a televisión (descenso de 3 puntos nos indicadores de audiencia en só tres meses) e a radio públicas de Galiza. Non é unha simples remuda de programación, é o baleirado de contido cultural, creativo, crítico e galego plenamente dito. É a substitución dunha visión nalgúns casos propia e orgullosamente galega por unha visión reducionista da nosa cultura e da nosa música. Por non falar dos informativos…


Chúzao
del.icio.us
