A XUNTA REPÓN O FINANCIAMENTO DO ENSINO INTEGRISTA CATÓLICO E PRIVADO
Logo de que a anterior Consellaría de Educación retirara os concertos públicos a centros de ensino privados que teñen como característica a segregación por sexos, semellaba que unha pequena bolsa de osíxeno limpo se instalaba naquelas vellas aulas que fedían a franquismo. Era de xustiza que os nosos impostos deixaran de pagar unha educación que fomenta valores impropios destes tempos e desta sociedade, ou dito doutro xeito, que colexios do Opus Dei seguiran sendo sustentados por fondos públicos. Logo da presión popular, encabezada polos principais sindicatos do ensino, a Xunta de Galiza anunciaba a non renovación dos concertos a estes cinco centros. Ao tempo, víase vir que este era un asunto que molestara moito entre as covas conservadoras que tomaron o poder. Agora, o goberno de Feijóo xa anunciou que ese financiamento si será renovado e con cantidades desorbitadas. Tamén, iso si, hai resposta.
90’1 millóns de euros neste ano 2009. 259’1 millóns de euros para 2010, 2011 e 2012. 167’1 millóns de euros en 2013. Velaí as escandalosas cifras (máis de 1000 millóns de euros en cinco
anos) coas que a ultradereita neofranquista do PP de Feijóo, Porro, Rueda e demais individuos da mesma caste van manter uns centros de ensino privado de moi dubidosos valores do século XXI. A educación dos cativos é un dos eixos básicos da súa montaxe demagóxica que aplican para “xustificar” as agresións á nosa lingua, a suposta liberdade que os pais teñen para ser meros instrumentos na política exterminadora do PP. A tan anunciada aposta polo ensino da lingua inglesa en primeiras idades escolares como bandeira de futuro non casa ben co financiamento da seita que fomenta principios que están na base das principais lacras da nosa sociedade. A educación que esta Xunta quere para o futuro do País pasa por liquidar as Galescolas, liquidar a lingua en xeracións futuras, suprimir a gratituidade dos libros e potenciar o ensino integrista católico e privado.
É sinal de identidade deste infame PP a privatización, e coma tal o ensino privado, así como a sanidade e outros. Polo tanto, sería inútil combater as crenzas de quen agora ostenta o poder. Pero si é de sinalar que estes dirixentes fanáticos están a por os nosos cartos ao servizo dunha educación que fomenta valores machistas, que rexeita a multiculturalidade e polo tanto a abertura cara o diferente. Proxecta persoas de hai medio século, ancoradas nos valores tradicionalistas e desprezabelmente diferenciais, que non outorga a mesma visión dun home ca dunha muller, que renega da igualdade e promociona un concepto de individuo que xa non ten cabida hoxe. O ultracatolicismo afoga as conciencias duns gobernantes que só levan aí catro meses…
Alén das consideracións éticas e morais, a educación diferenciada por sexos contradí a LOE, que vén sendo a normativa vixente en materia educativa e a cal prohibe a discriminación por sexos. A CIG xa anunciou a presentación dun recurso contra a decisión da Xunta de financiar estes centros do Opus. Na mesma liña expresáronse tamén CCOO e o STEG.


Chúzao
del.icio.us
