MONCHO REBOIRAS MÁIS PRESENTE CA NUNCA
Lembramos, como cada 12 de agosto, a figura de Moncho Reboiras. Hai 34 anos era asasinado nas rúas de Ferrol pola policía franquista e a súa morte pasou a converterse nun símbolo de represión contra o nacionalismo galego. Do mesmo xeito, é dende aquela un mito referente na loita pola liberación nacional. Alén dos típicos actos políticos en lembranza do militante da UPG, hoxe o Goberno Español (en cumprimento da Lei de Memoria Histórica) fixo recoñecemento público da súa condición de vítima do Franquismo.
Foi o último verán, aquel do 75, baixo a o pesado xugo da Ditadura de Franco, que morrería uns meses despois (en novembro). O asasinato do activista galego repercutiu na vontade da esquerda nacionalista de organizarse para enfrontar a nova xeira que se albiscaba á morte do fascista. Mais as cousas non mudaron tanto como era de agardar despois daquel 20 de novembro.
34 anos despois, as forzas policiais da Democracia española seguen a caracterizarse pola violencia nas súas actuacións. Mais isto non é impedimento para manter á vista o obxectivo e seguir polo carreiro que Moncho Reboiras comezara a percorrer. A esquerda independentista que aínda non renunciou aos ideais que el defendía lémbrao hoxe mesturándose coas farsas que o oficialismo prepara, ao tempo que o esquece na práctica diaria.


Chúzao
del.icio.us
