O PP PON GALIÑAS ONDE HABÍA GALESCOLAS
Esta mesma semana a Xunta confirmaba un novo golpe. Ao contrario ca o Bipartito, Feijóo non ten reparo ningún en derrubar aquilo que non se adapta ao concepto de País que el cre que pode deseñar. En pleno mes de agosto, igual ca o resto de decisións esmagadoras que este PP leva tomando, presentan “A Galiña Azul”. Este disparate imaxinativo vai ser o novo nome da rede de escolas infantís que o anterior goberno parira como Galescolas. A mudanza só de todo o relacionado coa nova imaxe vaille custar ao “Goberno da austeridade” 22000 euros.
Unha das medidas máis positivas que o anterior goberno tomara fora a creación dunha rede de escolas infantís nas que un dos principais piares fora o ensino do idioma, da nosa cultura. Unha educación galega e en galego, orgullosa da nosa identidade, dende as idades máis novas.
A resposta da oposición e da súa cobertura mediática chegou rabiosa e foi devastadora. Unha campaña esmagadora deseñada e dirixida dende Madrid para desprestixiar a iniciativa en plena ofensiva españolista como estratexia electoral da ultradereita. O principal argumento foi o do adoutrinamento ideolóxico que dicían que habían padecer os cativos e cativas. Tal foi a cantidade de surrealismo que enchoupou as razóns que se chegaron a ouvir que deu até para recreacións cómicas.
Agora, e a apoiándose insistentemente nas súas propias falacias, o Goberno de Feijóo chega para
liberar aos cativos da abafante imposición da nosa lingua. Debemos agradecerlle ao PP os novos refachos de liberdade da que habemos poder gozar. Arrepiáballe ao PP, garante do galeguismo amábel, que a imaxe corporativa das Galescolas contivera unha bandeira galega. Tremían cada vez que pensaban que os nenos e nenas habían escoitar a lingua galega aos poucos meses de vida. A Galiña Azul ha ser agora o centro no que prime a liberdade, no que os nenos e nenas han ser educados conforme aos principios éticos e morais do “movemento” que o PP quere instaurar en Galiza. Un “movemento” educativo que devolve o financiamento desorbitado aos centros privados do Opus Dei, que retira a gratuidade dos libros de texto. Un “movemento” que procura o máis axiña posíbel converterse en “movimiento”.
Do resto de consideracións simbólicas poderiamos continuar falando, facendo referencia aos trazos ideolóxicos que poderiamos atopar. Como que a cor sexa "azul", como porque é unha galiña cando podería ter sido unha "gaivota", etc. Mais iso sería contribuír ao disparate ideolóxico e facer unha análise moi superficial dun asunto tan grave como é o desgaleguizar a educación.


Chúzao
del.icio.us
