Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

22/08/2009 GMT -1

INTERESA REALMENTE A FIN DO TERRORISMO?

augasceives @ 11:16

Análise de Alberte Outeiro sobre a situación que o Estado Español creou nos últimos días en Euskadi, con motivo das festas de Bilbao e á procupara de imaxes e titulares que avalen a súa política represiva.

  

Alguén dixo unha vez que Euskadi era o laboratorio de probas do Estado Español. É doado concordar con esta afirmación á vista dos últimos acontecementos que por aquelas terras acontecen, malia que sexa ben complicado seguir a realidade sen deixarse trastornar polas intoxicacións do aparello mediático. O inimigo culpábel de todos cantos males poidan afectar á humanidade é a esquerda abertzale, colectivo de seres indesexábeis que lle roen as orellas aos nenos que non dormen de noite. Velaí a mensaxe. Xa que logo, coa escusa montada, que reparos vai haber en aplicar impunemente a democrática irracionalidade contra eles e elas?

A Lei de Partidos dálles vía libre ás forzas represivas é ao sistema xudicial español para deseñar unha democracia ao seu gusto que lles permite crer que están a mudar aquel inferno cheo de xente con cornos e rabo que chaman País Vasco. Cando xa semellaba que non ía ser doado superar o anterior atropelo, sempre teñen capacidade para sorprendernos. Ilegalizacións, prendementos a eito… e o xuntoiro españolista como provocación en prol duns intereses políticos que esquecen calquera outro tipo de política social ou doutra caste. PP-PSOE chegaron a Euskadi co único obxectivo de facer publicidade, de desacreditar ao anterior goberno e de gobernar para o exterior, isto é, para amosarse á opinión pública española como garantes da liberdade en Euskadi e da loita contra o terrorismo.

En base a isto, as imaxes impresionantes e os grandes titulares sacian a sede de espectáculo dos xuntaletras e falabaratos que viven de enzoufar xornais e ladrar en radios e televisións. É preciso redobrar a aposta represiva e abafante ao pobo que inxenuo cre que pode manifestarse e expresarse libremente. A Ertzaintza serve como instrumento fornecedor de imaxes contundentes para seren presentadas en Madrid e difundidas ao resto do Reino. Non se decatan que están entrando nun pozo sen fondo que o que fai é engordar o seu propio desprestixio, multiplicar a xenreira contra eles e evidenciar a inutilidade dos seus métodos. Non se decatan que endexamais ilegalizarán a capacidade de pensamento, loita e resposta dun pobo convencido.

A Aste Nagusia, Semana Grande de Bilbo, caracterízase por seren unhas festas populares, autoorganizadas en boa medida, participativas e nas que o espazo de libre expresión viña estando garantido. Unhas festas, en definitiva, do pobo e para o pobo na que o que se vía era aboiar unha realidade presente e sen máscaras e un sentimento real que endexamais gustou ao oficialismo que agora okupa o poder. A demostración de forza, violencia e represión agudízase nesta primeira edición baixo mandato da fronte españolista PP-PSOE. O encargado de asumir a responsabilidade das accións da Ertzaintza é o Conselleiro de Interior do Goberno Vasco, o galego Rodolfo Ares.

Comezaron xa de xeito anormal as festas deste ano. Poucos días antes, a txupinera elixida este ano, que sempre é unha integrante dalgunha das comparsas das festas, recibía ameazas de morte ao serlle remitida unha carta cunha bala dentro. Moi ao xeito da extorsión que “os demócratas” cualifican como terrorista. A reacción popular manifestouse en forma de marcha case espontánea como repulsa a esta acción. “Casualmente” a chispiña que se precisaba para acender a mecha saltou e o executivo de López-Basagoiti-Ares atopou a oportunidade perfecta para encirrar á Ertzaintza e darlle vía libre para espallarse polas festas. A prohibición de dúas manifestacións debidamente convocadas non fixo máis ca crispar os ánimos e as imaxes de disturbios, carreiras e enfrontamentos nas rúas non tardaron moito en aparecer. Xusto a imaxe que tanto os Gobernos de Madrid e Gasteiz precisaban e desexaban. A seguir, en actitude provocadora os axentes da lei paseáronse polas casetas das comparsas arrancando carteis e demais material que seica “enaltecían o terrorismo”.

Non é difícil imaxinar que a tolemia colectiva na que esta política está sumindo ao pobo vasco poida ser caldo de cultivo para que a indignación e a desesperación medre. É doado acubillar dúbidas de cales son os verdadeiros intereses do Estado Español, de que procura con estes xeitos de actuar, con tanta violencia e tanta represión. Realmente desexa o Estado Español a fin do terrorismo, a fin da acción armada de ETA, ou precísaa para seguir xustificándose? Ben sabe que ese non é o camiño.

Velaquí a ligazón ás imaxes da actuación da Ertzaintza no portal Kaos.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis