Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

24/08/2009 GMT -1

O SETEMBRO QUE VÉN

augasceives @ 17:36

A piques xa de rematar un verán que non foi tal, achégase un setembro que se presenta como mes no que retomar algúns conflitos vivos pero en pausa neste mes de agosto. Non hai dúbida de que está a ser este un dos anos máis axitados no que a mobilizacións se refire, ben pola crise capitalista que bate nos lombos das clases traballadores ben pola volta á Xunta dun PP máis agresivo ca nunca. Todos os conflitos laborais que quedan por resolver, as mobilizacións anunciadas en defensa da nosa lingua e como resposta ás continuas medidas contra ela que vén tomando este Goberno, a volta ás rúas dun sector lácteo enganado e desprezado. Semella que nos agarda un outono quente…

Todos os indicadores apuntan a que coa fin da tempada de verán, os datos de paro e a situación laboral pode volver a ser dura. Nada fai prever polo momento que o Estado Español se agarre ao lento comezo dunha recuperación que se albisca feble nas grandes potencias económicas europeas. As consecuencias características dunha crise coma esta, da que xa temos falado dabondo, volverán a manifestarse en forma de prexuízo cara os traballadores e traballadoras. Un dos conflitos laborais que ocupou máis atención no que vai de ano é sen dúbida a negociación do convenio do metal na provincia de Pontevedra. Nada quedou pechado e a loita obreira tan só serviu para demostrar unha vez máis a devastadora forza da unidade proletaria, alén de para asentar de novo posicións entre as organizacións sindicais. En setembro retomaranse as conversas que de necesidade teñen que dar como froito o convenio do ano que vén baixo o que se atopan 27.000 traballadores. Habemos ver se os sindicatos manteñen as súas posicións e se a patronal decide seguir manténdose nas súa inaceptábel prepotencia.

Veremos tamén se o comezo do curso escolar é motivo de repostas na rúa ás continuas agresións que este infame goberno está a propinar día si e día tamén á nosa lingua. Logo da multitudinaria e contundente manifestación do 17 de maio, algunha das principais organizacións de defensa do idioma apuntaban cara o comezo do curso escolar o momento de máis mobilizacións. O verán pariu máis colectivos e manifestos cuxa influencia de momento no pasou da presenza en Internet, pero que amosa a sensibilidade social cun asunto de extrema importancia como a nosa identidade. A famosa enquisa (e todo o que a rodeou), a supresión das Galescolas e outras medidas que foron devastando a feble trama da normalización lingüística institucional sementaron a indignación.

Por último, quen tamén espertou entre nós xenreira e admiración ao mesmo tempo foi a situación do sector lácteo e a loita gandeira. O desprezo oficial cara un sector punteiro na nosa economía atinxiu puntos insostíbeis e tornou en crítica a situación, o que fixo que a dignidade gandeira se botara ás rúas en forma de tractoradas. De novo a forza e a capacidade para colapsar cidades enteiras e pór en cuestión a orde urbana, sementando o caos, propiciou que se forzara a sinatura dun acordo que puxera fin ás mobilizacións. Tal acordo foi asinado en Madrid e dende o primeiro momento fedía a engano, a parche ocasional para rebaixar a tensión. O SLG non asinou tal documento, mais as organizacións agrarias de PSOE (Unións Agrarias) e PP (Xóvenes Agricultores) si aceptaron. Pasado o primeiro mes, a situación non mudou ren e o engano confírmase. O ruxe-ruxe da volta ás rúas comeza a escoitarse xa, presentándose como necesario por dobre motivo: pola crítica situación en si mesma e polo engano das industrias que seguen a pagar o leite a prezos miserentos.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis