APLICACIÓN COTIÁ DA 'UNIDADE DE ESPAÑA'
Apoiámonos neste completo artigo de Alberte Outeiro para falar sobre dous datos que se coñeceron hoxe e que evidencian o posto que segue a manter Galiza nos indicadores sociais no marco do Estado Español, desta volta nos referidos a salarios e pensións. Serve tamén para reflexionar brevemente sobre o concepto de democracia que manexa o nacionalismo español con respecto, por exemplo, ao debate arredor do Estatut de Catalunya.
Cando de soster unha mentira inconsistente tecida ao longo dos séculos depende un proxecto político, adóitanse empregar argumentos tamén difíciles de manter. Tal é o caso do nacionalismo español, excluínte e intolerante, que centra o seu discurso na suposta “unidade de España” rexeitando todo o que atente contra esta idea. Este concepto (o da suposta unidade) viuse agredido nos últimos tempos segundo eles mesmos pola acción dos partidos nacionalistas e máis polos indesexábeis que, españois como seica somos, non comulgamos coas teses deseñadas,
predicadas e espalladas dende Madrid. Unha simples palabra, nación, ten provocado curiosos e disparatados debates tan só por tentar que se lle aplicara a aqueles territorios que reúnen as características esixidas para seren denominados así. Sendo eles mesmos conscientes dos elementos específicos (cultura, lingua, tradicións, costumes…) que se dan, por exemplo en Galiza, para afirmar o carácter nacional desta Terra néganse a recoñecelo por escrito.
Estas disputas, que o propio nacionalismo español sinala como “nominais” e “superficiais”, van moito máis alá pois no fondo estamos a falar de identidade. De non ser así, de falarmos tan só de palabras, que problema terían en aceptalas sen máis? Ben saben que o recoñecemento oficial do termo nación aplicado a Galiza, Catalunya ou Euskadi suporía un duro golpe ás súas teses e o devalar da xa feble concepción nacional da tan heteroxénea España. Andan ás voltas estes días co asunto alá por Catalunya, onde seica agardan o ditame do Tribunal Constitucional (en Madrid e de Madrid) sobre o recurso que o PP (principal garante do nacionalismo español) presentara contra o novo Estatut. Cómpre lembrar brevemente, chegados a este punto, a historia da reforma estatutaria catalá: aprobación no Parlament, aprobación no Congreso dos Deputados (previo recorte e desfiguración do texto inicial) e aprobación en referendo polo pobo catalán. O non respectar estes tres feitos deixa entrever un discutíbel aceptación da “democracia” por parte do PP posto que, se falamos dun documento acordado polos seica representantes do pobo catalán, aceptado polos seica representantes do “pobo español” e finalmente referendado polo propio pobo catalán, quen máis ten potestade para decidir sobre o que o pobo acordou? Lembremos: demo (pobo) + cracia (poder).
De volta ao rego polo que andabamos, e agardando a sentenza definitiva encol do Estatut de
Catalunya, referiámonos ao concepto de “unidade de España” como innegociábel piar dun nacionalismo ficticio asentado sobre unha nación ficticia. Alén de cuestións identitarias, nominativas para algúns, esta idea “unitaria” debería verse aplicada no cotiá para facernos cando menos dubidar aos que non acreditamos en tal disparate. Vexamos só un exemplo de tantos outros que poderiamos pór. Hoxe coñecéronse uns datos revelados polo Ministerio español de Trabajo e á par outros dun estudo realizado por técnicos do Ministerio español de Hacienda. O primeiro indica que Galiza é o territorio do Estado no que se percibe a pensión media máis baixa (631 euros), case 124 euros por debaixo do que chaman “media nacional”. Euskadi supera os 940 euros e a C. A. de Madrid achégase aos 900. A pregunta é evidente: por que existen estas diferenzas? Porque non se fala agora de que se racha coa “solidaridad entre españoles”?
Do segundo dos estudos, o do Ministerio de Hacienda, sacamos que o 69% dos traballadores e traballadoras galegas é “mileurista”. Este é outro concepto que cómpre matizar, pois chámaselle “mileurista” a aquel salario comprendido entre 900 en 1100 euros. Se destriparamos ese 69% atopariamos que o groso desa porcentaxe se achega máis á marxe inferior (a dos 900) que á superior (1100 euros é un soldo utópico para boa parte dese 69%); e máis aínda, se a franxa a fixaramos por debaixo deses 900 euros, a porcentaxe había seguir sendo ben elevada. Conclusión: canto cobran os que superan a media para deixala neses valores tendo en conta a explotación salarial tan habitual en Galiza? Un último apuntamento: en termos absolutos Madrid é a C. A. na que os salarios anuais brutos son máis elevados, seguida de Catalunya.
Se a estes exemplos cotiás, que cando se publican non acaparan a atención dos medios de comunicación nin as paroladas dos opinadores a soldo, lle engadiramos outros como as cifras de investimento do Estado nos distintos territorios ao longo dos tempos ou por exemplo as verdadeiras balanzas fiscais (que xa debullara Bóveda) a algúns seríalles moi complicado explicar iso da “unidade de España”. Pero élles máis proveitoso seguir mantendo o seu discurso na ameaza que seica supoñen as linguas, a diversidade cultural ou as festas en cuxas casetas hai uns ou outros retratos. Moitas máis son as razóns que se poden achegar para pór en dúbida o cacarexar do nacionalismo español no tocante a estas e outras cuestións, falamos dunha pseudo-ideoloxía fundamentada na non existencia da nación española como tal para manter un artificial nacionalismo irracional baseado na imposición de conceptos inexistentes: nación española, unidad de España, igualdad ante la ley (incompatíbel co concepto Monarquía), democracia (véxase o segundo destes parágrafos), justicia (xustiza?), etc.


Chúzao
del.icio.us
