Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

27/08/2009 GMT -1

CUESTIÓN DE PRIORIDADES

augasceives @ 18:25

Os valedores deste afogado sistema tentan por todos os medios reanimalo e impedir que morra. Posto que dispoñen dos recursos públicos que precisamente o “sistema” permitiu que estiveran nas súas mans, non dubidan en empregalos para perpetuar este xogo. O capitalismo non se entendería sen unha das súas pezas básicas, como é o consumismo; son dous conceptos complementarios e que se retroalimentan. Para salvar o capitalismo urxe, nas receitas dos neoliberais, reactivar o consumismo. Así, aplicando o conto, a Xunta anunciou onte a inxección de dous millóns de euros máis en axudas á compra de coches. Doutra banda, o sector lácteo segue ver como as portas da extinción definitiva se abren cada día máis.

 

Efectivamente, estas axudas están a dar resultado ao rexistrarse un aumento nas matriculacións de coches moi notábel. Incluso as cifras dos meses de xuño e xullo superan ás do ano pasado, cando aínda non se manifestara mediaticamente a “crise económica”. O impacto das dificultades económicas polo tanto diminúe para as multinacionais do automóbil, que vén como venden o seu produto grazas en parte a axudas públicas. Mais en Galiza hai un claro protagonista. Se falamos do sector do automóbil é obrigado referirse á factoría francesa asentada en Vigo, que pasa por ser a maior empresa do País e a máis rendíbel de cantas posúe o grupo en todo o mundo.

Non hai que atar moitos cabos para decatarse da sospeitosa relación entre este goberno e a Citroën de Vigo, lembremos a lea dos coches oficiais e as preferencias de Feijóo neste senso. Mentres isto acontece, os traballadores e traballadoras seguen a pagar as consecuencias e sen notar ningún efecto positivo. Auxiliares da factoría viguesa que dependen directamente da produción desta manteñen conflitos laborais. Unha das dúas fábricas de Trèves en Pontevedra está camiño do peche, por medio dun ERE detrás do cal se atopa a manobra da deslocalización. Anunciado xa o comezo das mobilizacións cunha folga o vindeiro 1 de setembro. Caso máis contundente é o doutra auxiliar, Correa Montajes e Suministros SL, que durante as vacacións do verán pechou (sen previo aviso) deixando na rúa a máis de vinte traballadores que xa saben que a empresa non está disposta a pagar as correspondentes indemnizacións polos despedimentos xa que “non ten cartos”. Entre o persoal existe a sospeita de que o empresario abriu a mesma factoría no norte de Portugal.

Para quen non semella haber axudar e quen non vai ver como un ERE os deixa na rúa son os gandeiros e gandeiras galegas, donos de explotacións nas que xa é imposíbel vivir do propio traballo. Os custes de produción seguen a ser superiores ao prezo que as industrias do leite lles pagan e o suposto acordo asinado hai poucas semanas é simple papel mollado co que non mudou absolutamente nada. Algo terán que dicir UUAA e XXAA, que asinaron aquel documento en Madrid. Pola súa parte, o SLG (que xa dende un primeiro momento se opuxo a esta farsa) anunciou xa mobilizacións para o comezo do mes de setembro.

Posto que o único camiño semella ser a loita e as mobilizacións, aos gandeiros non lles queda outra que volver facelo e sacar toda a súa forza unha vez máis á rúa. Posto que o agrario é un sector básico na nosa economía, a nós non nos queda outra máis ca seguir apoiándoos.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis