A SUMISIÓN DA CULTURA GALEGA
Artigo de Sabela Ferreirós no que repasa a acción da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, así como a concepción que o PP ten de "cultura galega".
1) A concepción da nosa cultura como un ben a conservar e potenciar, como un abano de posibilidades no que reflectir o que somos, unha mostra de creatividade universal pero de selo propio. A cultura galega como eixo principal da nosa identidade diferenciada, como a nosa bandeira irredutíbel nun mundo globalizador e globalizado.
2) A nosa cultura enfocada dende unha visión reducionista. A creación cultura galega vista dende unha óptica temerosa, dubitativa. Utilizándoa como instrumento accesorio, mais prescindíbel; revestíndoa de rancio folclorismo e relegándoa a un segundo ou terceiro plano. Agochándoa. Considerar como tal cultura galega aquela arte feita sen a nosa esencia, noutra lingua ou con argumentos alleos. Pensala como simples vía de financiamento, motivo de subvencións.
Velaí o resumo rápido de dúas posibilidades ben distintas de entender un concepto tan amplo como cultura galega. Non sería doado explicar o que abrangue, pero si podemos facilmente describir estes dous xeitos de entendela. Incluso poderíamos reducir aínda máis e deixar en só un palabra cada unha das dúas posibilidades: orgullo e complexo. En poucas semanas, o novo goberno da Xunta confirmounos cal é a súa concepción da nosa cultura. O reparto de departamentos era xa todo unha declaración de intencións, creando a Consellaría de Cultura e Turismo podiamos imaxinarnos por onde ían ir as políticas “culturais” de Feijóo e o sicario competente na materia, Roberto Varela.
Pechando a billa do financiamento público a boa parte das actividades que a Consellaría anterior apoiara, o PP decide a submisión da nosa cultura en prol dunha única idea: o Xacobeo. Ese é o eixo central das políticas culturais e velaquí a resposta á inserción de “Turismo” nesta area. A música, a literatura, a pintura, a escultura, o audiovisual, o teatro… proxectos impulsados pola anterior conselleira como os encamiñados á recuperación da Memoria Histórica (de excelente labor), a promoción das nosas seleccións nacionais deportivas, dos nosos e das nosas deportistas, a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial… Nada diso se adapta ao concepto de cultura do PP, e alí onde non derrubou o andado (música galega, tradución, Premios Nacionais da Cultura, trabas ás escavacións para a recuperación de vítimas do Franquismo, etc.) deixa de promovelo. Exemplo disto é a dúbida de se esta ano as seleccións galegas de fútbol disputarán como viñan facendo dende hai tres anos o amigábel de Nadal entre as reclamacións de oficialidade, o que si temos certo é que o vindeiro sábado a Selección Española de Fútbol xogará na Coruña, manobra política onde as haxa, pois non é precisamente Galiza onde máis sentimento esperta o ficticio combinado.
Toda acción da Consellaría de Varela xira arredor da preparación do Xacobeo 2010, único punto de interese neste departamento. O demais está sometido á preparación do evento relixioso que suporá máis ca nada o enchido dos petos eclesiásticos, que por se fora pouco participan na organización. As autoridades católicas deseñan, polo tanto, o programa dunha area do Goberno Galego. Non é sorprendente, pois os seus preceptos morais guían a boa parte dos dirixentes. Con isto, todas as ricas e variadas pólas da nosa cultura vense sen acubillo institucional e case sen achegas públicas.
O outro grande asunto que ocupa a Cultura é xustificación da mole que Fraga nos deixou en herdanza a todos os galegos e galegas. A inexplicábel Cidade da Cultura é o meirande disparate que a un gobernante se lle puido ter ocorrido xamais, e ao tempo é a eiva orzamentaria que este país arrastrará consigo durante lustros. E por se fora pouco, leva camiño de ser chamada como o seu promotor…


Chúzao
del.icio.us
