O MEDO GLOBAL COMO TRATAMENTO PREVENTIVO
Sabela Ferreirós escribe sobre o "medo global" que se espallou, que espallaron, arredor da pandemia de Gripe A que seica ameaza ao mundo.
Asistimos a unha enxurrada de medo, ao espallamento da sicose colectiva. Ao espectáculo mediático arredor das especulacións co que chaman xa a primeira grande pandemia do século. Reunións propagandísticas, medidas de urxencia, debates sobre a influencia que terá, consellos para evitar o contaxio, mesmo utilización política… Os reparos en contaxiar o medo non foron moitos. O que existe é un sobresforzo non por evitar a gripe si, senón por deixar imaxe clara perante a sociedade de que se fixo canto se puido. Institucións aos distintos niveis, organizacións e entidades de todo tipo tiran folletos e demais medidas informativas que conteñen sempre os mesmos consellos e recomendacións, que por outra parte teñen unha garantía bastante limitada.
O medo global apoderouse dunha sociedade que se ve vulnerábel. O espectáculo a grande escala nútrese do morbo e neste caso a tentación de sementar alarma é máis grande que a de manter a tranquilidade social. A política propaganda imperante nestes tempos céntrase en aparentar, máis ca en facer. En aparentar traballo, en aparentar que se están a tomar medidas e que se fai todo o posíbel, en preparar para mañá a xustificación de porque aconteceu o de hoxe.
Mais os expertos, malia recoñecer unha maior capacidade de contaxio, non avalan por completo as teorías alarmistas. Máis aínda se temos en conta que até o momento, o virus H1N1 tan só foi letal naqueles doentes con outros problemas (graves todos eles) de saúde. Cada vítima mortal afectada pola gripe A é noticia e primeira dos informativos, que xa puxeron en marcha un contador como adoitan facer en casos semellantes. Pero a seguir recoñecen que a mortaldade desta variante da gripe non supera á do virus común. A diferenza está en que non todos os anos a gripe alimenta as terminais mediáticas, que á súa vez desta volta son usadas para espallar a estratexia do pánico global.
Con todos estes datos contraditorios, coa estratexia do medo a grande escala sen xustificar, non é raro tentar albiscar que se agocha máis alá. Como non é difícil pensar en que alguén está enchendo os petos, que alguén xerou este medo e mesmo que alguén, para as mentes máis intrépidas, creou cientificamente a pandemia. Porén, esta última teoría ten un piar no que sosterse: o único medicamento comercializado e recomendado pola OMS é dunha empresa farmacéutica propiedade de Donald Rumsfeld, ex dirixente dos EUA durante o mandato de Bush.


Chúzao
del.icio.us
