Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

03/09/2009 GMT -1

O PP SEGUE ABRINDO FRONTES NA SÚA TEIMA CONTRA A LINGUA

augasceives @ 17:54

Hoxe é outro deses días nos que agroman novas que, xuntas, inchan un pouco máis o fol da xenreira cara a estes gobernantes. A violenta política do PP na Xunta cara o galego é máis unha estratexia ca unha simples política que aplica alí onde está e por onde vai. Neste sentido, o PP ten varios individuos indesexábeis polo seu actuar e pola belixerancia coa que exercen os seus cargos públicos. Un deles é Ignacio López Chaves, do Concello de Vigo e responsábel dos asuntos culturais do seu grupo parlamentar na pasada lexislatura. Outro referente é o topónimo da cidade da Coruña. Todo isto, adornado coa teima da “imposición do galego”, compoñen o menú de agresións ao idioma que nos depara o día de hoxe.

 

Unha das medidas anunciadas polo Bipartito e que máis alimentou a estratexia lingüística do PP na pasada lexislatura foi a que se incluía na nova Lei de Comercio e que esixía que os establecementos comerciais posuíran rotulación, cando menos, en galego. Algareáronse falando de recorte de liberdades cando o que había era unha medida máis no camiño da normalización lingüística nun eido moi desgaleguizado. Abonda saír á rúa e comprobalo. Se está establecido legalmente que é preciso impulsar e promover a lingua minorizada no país, se foi aprobada (tamén polo PP) a LNL e o PXNL… desmóntanse as teorías da imposición. Non é imposicion! É normalización!!

En referencia ao individuo coñecido como López Chaves, e cos antecedentes dos lamentábeis espectáculos que ten representado no Parlamento Galego, a ninguén sorprende a súa teima antigalega. Anunciou hoxe a presentación dunha moción para modificar a ordenanza municipal de normalización lingüística e incluír o castelán no espazo que arestora ocupa, ou debe ocupar, a nosa lingua. A promoción do galego na administración é unha das necesidades indiscutíbeis no proceso normalizador.

Outra das batallas estrela na galegofobia do PP é a insistencia no uso do topónimo ilegal para a cidade da Coruña. Deulle azos, é ben certo, o anterior alcalde do PSOE, españolista e antigalego como o que máis, apoiado en todo o grupo municipal. O “L” foi un dos asuntos máis polémicos durante anos nunha cidade cun indicadores sociais bastante cativos, cando a lexislación vixente non deixa escape de dúbidas. Hoxe volven os ruxe-ruxes logo de lembrar o grupo popular que a chegada de Feijóo á Xunta suporía a instauración do topónimo deturpado na cidade. 

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis