Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

04/09/2009 GMT -1

BAÑO DE ESPAÑOLISMO

augasceives @ 16:18

Na sociedade da imaxe e da política propaganda, do atordamento das conciencias, o deporte ten unha función social moi relevante. Se aquí o temos reclamado como transmisor de sentimentos e modo de expresión das reclamacións dun pobo para esixir o noso dereito a competir oficialmente nas distintas modalidades deportivas, tamén agora o recoñecemos como tal cando a súa función é a contraria. Mañá a selección española de fútbol disputará na Coruña un encontro oficial, xusto no escenario no que a Selección Galega disputou o seu último encontro (quen sabe por canto tempo) amigábel entre as reclamacións de oficialidade o pasado Nadal.

 

O sentimento de pertenza e identificación cun equipo nacional, no eido deportivo, dáse como é lóxico alí onde os seus cidadáns se senten representados. Non é o caso dos equipos españois. Ao contrario ca noutros países do mundo nos que a paixón polo fútbol céntrase na “selección”, a cultura futbolística no Estado Español resérvalle un segundo plano quedando por detrás dos clubes nas preferencias dos siareiros. A Selección Española esperta fervor alí onde representa un sentimento de identificación, que non é o caso de todos os territorios do Estado. Alí onde hai conciencia nacional propia (Galiza, Euskal Herria ou Catalunya –no Paìs Valencià si esperta máis interese-), os niveis de audiencia e seguimento demostran que o entusiasmo non é uniforme en todos os recantos do Reino.

Conscientes da necesidade de potenciar o sentimento de unidade e pertenza a un proxecto ficticio de nación que non calla, empregan o fútbol como transmisor de emocións que habilmente encerran connotacións políticas. O enredado mediático actúa de axitador berrando consignas rescatadas do pasado e que se empregaban noutras circunstancias; nalgúns casos, de non saber que falan en termos deportivos, o cacarexar dalgúns poríanos a tremer e evocaríanos escuros tempos pasados. En sintonía coa estratexia política máis españolista (que mesmo chega a falar de “reconquistas” con alusións á mitoloxía bélica), propóñense levar a Selección Española alí a onde menos interese esperta e máis rexeitamento produce. Mañá La Roja (como gustan de chamarlle) estará en Galiza e hai xa tempo que se moven iniciativas para que xogue en Euskadi. Calquera acto de expresión pública de contrariedade será duramente reprimido polas FSE, garantes da democracia e da liberdade.

Hoxe chegou o continxente propagandístico que tomará A Coruña e a atención mediática tamén das mediocres terminais propagandísticas de Galiza (que non galegas). A consigna é clara: revestir de sentimento españolista e debuxar a sensación de aprezo e grande acollida. As imaxes dannos unha idea do que recobre o sentimento que pretenden instaurar: ducias de cativos e cativas afervoadas agardando a entrada dos xogadores ao hotel. Nenos e nenas aínda de vacacións. Posibelmente mañá Riazor rexistrará unha entrada que estará próxima ao cheo, así o posibilitarán os milleiros de billetes que en concepto de convites e agasallos se repartiron. Do que non sabemos e de iniciativas sociais por parte de asociacións e entidades de base que se mobilicen para ir á Coruña mañá sábado, con poucas axudas e moitas trabas. Nas inmediacións do Estadio de Riazor haberá instaladas carpas e outros entretementos para que nenos e nenas poidan pasar a tarde sen molestaren moito a seus pais. Non haberá manifestacións nin actos reivindicativos que expresen un sentir, nin violentos gardiáns armados que ataquen aos siareiros e siareiras cando se dirixan ás portas do estadio.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis