DESFEITA NO COMEZO DE CURSO
A piques de comezar o novo curso escolar, a Consellaría de Educación é un dos departamentos da nova Xunta que máis caos sementou. Asociacións de pais, ensinantes e sindicatos critican abertamente a desfeita que en poucas semanas foi quen de artellar o seu (ir)responsábel Jesús Vázquez. Ademais das xa anunciadas mobilizacións en defensa da lingua no ensino quen han ser convocadas por diversas entidades de ámbito social, e non só do mundo escolar, hai mobilizacións polos recortes de profesorado nas Escolas de Idiomas (pode haber algo máis contraditorio co seu discurso?). A CIG e máis CCOO levaron aos tribunais as subvencións a centros que segregan por cuestión de sexo e a primeira medida estrela, como é a supresión da gratuidade dos libros de texto, centran a indignación social co Goberno galego.
Temos a eliminación das Galescolas, que consistiu na mudanza de nome, letreiros e demais simboloxía que procedera da anterior lexisltatura. O custe de todos estes cambios non se adapta en absoluto á política de austeridade que Feijóo anunciara. Mais detrás está o obxectivo político e ideolóxico, non soportan que o ensino puidera ser en galego dende as idades máis novas e contra iso foi contra o que dispararon.
O odio á lingua está detrás das principais decisións que leva tomado o PP dende que accedeu de
novo a San Caetano. A supresión do chamado Decreto do Galego no ensino e a preparación dun novo, así como a farsa da enquisa aos pais foron motivo de vergoña allea todo o verán. Con todo un país en contra, cos representantes sindicais e coas asociacións de pais e nais en fronte, Feijóo só conta co apoio das elites dos centros privados e co minúsculo grupo neofascista que agora atopa acubillo nas institucións e nos medios para predicar as súas doutrinas.
Tamén provocou indignación e rexeitamento a decisión de suprimir a gratuidade dos libros de texto. Cunhas condicións económicas como as que estamos a padecer e no marco dun discurso de axuda e apoio “ás familias”, o PP suprime por que si unha das máis acertadas medidas do Goberno Bipartito. Multiplícase a rabia ao comprobar como o gasto en publicidade (en galego e en castelán) para tratar de explicar esta iniciativa cubriría o custe dos propios libros de texto.
A renovación dos concertos a centros do Opus Dei que incumpren non só a lei, senón os mínimos éticos da sociedade de hoxe en día, foi xa motivo de denuncia nos tribunais por parte dalgúns sindicatos. Queixas públicas só foi o que de momento atoparon os recortes de profesorado que denuncia a Confederación de Asociacións de Pais e Nais.
Velaí o panorama que deseñou o PP nun asunto tan delicado como é o do ensino. As medidas que vai tomando van deixando en evidencia o seu discurso e destapando a súa demagoxia. E mentres tanto, a oposición bipartita fica máis durmida ca nunca e unha vez máis recae na sociedade o peso de levantarse e defender a lingua e os servizos que xa semellaban consolidados. Haberá que seguir resistindo.


Chúzao
del.icio.us
