REACCIONA A ACADEMIA?
Artigo de Sabela Ferreirós sobre as palabras do Presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro o pasado domingo en Celanova diante de Feijóo. É sinal dun cambio de actitude en favor da nosa lingua ou pouco máis ca un simples xesto?
Non estamos afeitos a ver o que vimos este pasado domingo en Celanova. Mais se cadra por iso, aledámonos máis e decatámonos de que cando até os máis “prudentes” reaccionan é porque a situación é grave. De feito, non precisabamos que o Presidente da RAG lle recriminara en público a Feijóo a política lingüística exterminadora que está a levar a cabo o seu goberno para decatarnos do que está a acontecer. O que non sabemos é se ao señor Barreiro lle fixeron falta seis meses para pronunciarse.
Poucas institucións tan desesperadamente prudentes, políticamente correctas, mornas e mesmo sumisas ao poder podemos atopar en Galiza como a Real Academia Galega. Semellantes cualificativos lle poderiamos aplicar ao seu presidente, o dun organismo con responsabilidades no tocante á promoción e coidado do noso idioma. Endexamais levantara a voz para expresarse sobre as nefastas políticas lingüísticas que lexislatura tras lexislatura foron acoutando pouco a pouco o espazo de uso do galego.
Ben é certo que nunca antes viramos tanta agresividade contra a nosa lingua, se cadra por aprecialo tamén así, Barreiro falou. E fíxoo durante un acto institucional en Celanova (berce de ilustres persoeiros das nosas letras), diante do propio Feijóo e doutros responsábeis da política aniquiladora.
Mais non podemos entender este xesto como máis do que semella que é: simbólico. Unhas palabras co ánimo de sacar de enriba un peso que tiña ao lombo a institución por non ter aberto aínda a boca perante os golpes que en tan pouco tempo xa lle leva asestado este PP á nosa lingua. A RAG tería que terse erguido dos seus cómodos asentos moito antes, tería que terse posto á cabeza da reacción cívica do pobo, tería que ser a que estivera en permanente primeira liña de resistencia. De momento botamos en falta iso e agardamos que a postura amosada o pasado domingo por Xosé Ramón Barreiro sexa o comezo dun novo rumbo por parte da institución académica na defensa do noso idioma.
Non era doado rematar este artigo sen facer referencia ningunha ao exemplo de xornalismo imparcial do que se enchoupa a crónica que o subvencionado de Arteixo lle adica ás palabras de Barreiro. Segundo o xornal que empetou un millón de euros en concepto de promoción e defensa da lingua galega, Feijóo foi atacado e provocado por Barreiro, que abriu unha nova fronte contra a Xunta. Abraiante.


Chúzao
del.icio.us
