Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

12/09/2009 GMT -1

POLÍTICA DEPORTIVA E DEPORTE POLÍTICO

augasceives @ 16:21

Algareados e entusiasmados coa presenza da Selección Española de Fútbol en Galiza, reverten a súa paixón para lanzala contra os nosos equipos nacionais. Unha das principais dúbidas que aboiaban coa chegada do PP á Xunta era a da continuidade das Seleccións Galegas. O responsábel do goberno galego en materia deportiva, Xosé Ramón Lete, afirmou esta semana no Parlamento que “a Irmandiña” xogará de novo o xa clásico amigábel dos últimos anos, máis “sen facer política” segundo o mandatario. O deporte galego como sinal de identidade ten estes días outros referentes dos que sentirse orgullosos, xa que tamén eles se senten orgullosos do que son.

 

En palabras de Lete, o deporte galego está representado cando o padexeiro David Cal ergue a súa pá ao vencer nunha proba. Este exemplo non é aleatorio. O de Cangas é un recoñecido simpatizante do Partido Popular e xa o demostrou colaborando con el nunha campaña política contra a anterior Conselleira de Cultura e Deporte durante a pasada lexislatura. O que foi abandeirado español nos pasados XXOO é o modelo deportivo que o PP gusta de impulsar, xa que as exaltacións de españolismo non son consideradas “política”. Porén, si é utilización política as manifestacións de sentimento galeguista ou as reivindicacións de oficialidade para os nosos deportistas e combinados nacionais. Non entende o PP que non é España quen representa a boa parte deste país, nin respecta que sexa a galega a bandeira baixo cal queremos que compitan e nos representen.

Dous dos nosos mellores deportistas da actualidade son bos exemplos do denominador común que acompaña á meirande parte deles. Traballo, esforzo, sacrificio e escasa atención mediática. Para as terminais propagandísticas de Madrid, moitos deles son considerados españois só cando gañan. Homenaxe monumental merece o mellor triatleta do planeta, Xabier Gómez Noia, que vén de proclamarse subcampión do mundo da súa especialidade. Un título mundial, dous europeos, dous subcampionatos do mundo e un cuarto posto na olimpiada son os resultados máis resplandecentes de cantos enchen o palmarés do ferrolán de 26 anos.

Polas estradas do Estado dispútase estes días a Vuelta Ciclista a España. Nela compite o equipo profesional galego Xacobeo Galicia, conformado maioritariamente por corredores da terra para os que a creación deste conxunto supuxo a oportunidade profesional da súa vida. É un dos conxuntos que está a animar a carreira, xa gañou unha tirada a semana pasada con Gustavo César Veloso e leva dous segundos postos (onte e hoxe). O máis forte do equipo, e un dos máis fortes da proba, é Ezequiel Mosquera. O ciclista de Teo sufriu unha espectacular caída os primeiros días e, xa recuperado, está a amosar un carácter agresivo e gañador que día a día o achega aos primeiros postos. A afección ao ciclismo en Galiza atopa resposta neste conxunto, orgullo dun pobo que enche de bandeiras das nosas as estradas por onde transcorre a proba. Comeza a última semana da proba e fican abertas todas as posibilidades.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis