MEDO AO POBO
Artigo de Alberte Outeiro no que reflexiona sobre o concepto de Democracia imperante no Estado Español que casualmente se empeña en excluír a súa propia esencia: referendos ou consultas populares.
A debilidade desta democracia demóstrase cando, malia as proclamas de liberdade de expresión, segue a habendo tabús dos que non se quere falar. En realidade sería recoñecer as fendas dun sistema moi coxo, feble xa dende que os seus vellos titores o reformaron e nolo presentaron coma novo. Onde a verba democracia acadara todo o seu esplendor, a verdadeira liberdade debería acubillar a posibilidade de expresar todo tipo de opcións políticas sen por iso ser desprazado. Posto que non é o caso, o primeiro atentado contra a “igualdade” chámase “monarquía” e a máis potente bomba contra a “democracia” chámase “lei de partidos”.
No canto de quere entender e explicar, óptase pola criminalización, a mentira e a manipulación; polo recorte de dereitos e a ilegalización para combater “legalmente” o que non poden facer coa forza da razón expresada en votos; pola represión para igualar a expresión popular libre. Élles imposíbel aceptar que centos de milleiros de persoas non se sintan cómodos no Estado Español, que non se identifiquen cuns valores argallados artificialmente e amosen rebeldía. Néganse a entender que poida haber máis sentimento ca o que tratan de impoñer e combáteno afogando outras linguas, culturas e posibilidades das que non aceptan que haxa quen poida estar orgulloso. Respecto é incompatíbel coa súa forma de entender esta democracia moldeada segundo o interese dos que din defendela.
Vén isto ao fío do acontecido onte no municipio catalán de Arenys de Munt. Alén dos datos, resultados e cifras que se puideran dar, temos que reparar nas reaccións dos “demócratas”. Un referendo é, por definición, a máxima expresión do significado da Democracia. Consultar ao pobo sen incluír polo medio amaños legais para que só poidan participar aqueles que sustentan a mentira, “sí” ou “non” a unha sinxela pregunta sen cálculos matemáticos que deturpen a representatividade da voz popular. Algo tan doado de entender e que sería a bandeira dos que se din demócratas é algo totalmente vetado no Estado Español, e tan só se lle atopa unha explicación: medo aos resultados, medo ao pobo. A única solución para que un referendo non arroxe un resultado incómodo é, sinxelamente, non convocalo. Así pois, as prohibicións de convocar consultas están á orde do día para quen sen reparo ningún ilegaliza opcións políticas.
Mais onte abriuse un camiño que ha ter continuidade, pois hai xa anunciadas iniciativas semellantes en 60 concellos e mesmo se están a barallar xa datas. Que mellor día para honrar o espírito democrático da Constitución Española que realizar unha consulta popular o 6 de Nadal? Día no que se conmemora o aniversario da súa aprobación en referendo cunha moi cativa participación, por certo. De seguro que dende Madrid se han tomar medidas e antóllase máis ca probábel calquera idea para impedir as consultas. O que pola contra non se han impedir son manifestacións como a de onte, onde o partido Falange Española convocaba unha mobilización (á que acudiron arredor de sesenta persoas chegades de fóra na súa meirande parte) en contra da celebración do referendo. Non é polo visto aplicábel a “Lei de Partidos” neste caso.


Chúzao
del.icio.us