Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

17/09/2009 GMT -1

COMBATENDO A LIBERDADE DE EXPRESIÓN

augasceives @ 14:42

A información libre e independente, separada dos intereses do poder, é un ben escaso. Aqueles e aquelas que ousan brincar por enriba das barreiras da censura axiña son chamados para que volvan ao rego da “información oficial”, mais hai outros casos nos que a liberdade de expresión é outra simples etiqueta deste sistema democrático e as presións se exercen doutros xeitos. Recollemos dous casos que, aínda que non iguais, si serven como exemplo de canto pode chegar a molestar a información.

 

As oportunidades que achegan as novas tecnoloxías son unha porta aberta a proxectos de información alternativa, libre dunhas e outras mordazas que os de sempre controlan. A chamada “contrainformación” gaña cada día máis peso na rede e son moitos os proxectos ambiciosos que naceron nos últimos tempos ao seu abeiro co único fin de amosar esa outra verdade que bate nos piares dun sistema que ten os seus propios medios para deseñar unha realidade paralela que proxectar nas pantallas e nas follas dos xornais.

Tiramos precisamente dun destes portais, o galizalivre.org, a seguinte información. Unha das detidas durante as mobilizacións populares en Massó, a comezos do pasado agosto, é estudante de xornalismo e realiza as súas prácticas no xornal A Nosa Terra. Unha vez sabido isto o vicepresidente do periódico, Alfonso Eiré (suposto exemplo de intelectual comprometido e opinador a soldo do BNG), convidou á moza a comezos deste mes de setembro a renunciar ao seu posto de traballo cando se reincorporaba logo das vacacións. Amedrentándoa con preguntas persoais de carácter ideolóxico, tales como “que fixeches en Massó?” ou preguntándolle pola súa suposta milintancia “en organizacións clandestinas”, o xornal presionouna para que deixara a súa redacción, argumentando posíbeis prexuízos por verse relacionado o medio con esta activista. Ademais, detrás –asegura o galizalivre.org- están os proxectos cunha entidade financeira do sur do País e que está tamén detrás do atentado de Massó. Un exercicio de coacción propio dos máis estelares censuradores do panorama mediático español e que o nacionalismo oficial galego copia á perfección. Os que un día estiveron á fronte de tantas mobilizacións populares, e que hoxe aínda presumen diso, renegan e afástanse hoxe delas seducidos polo poder económico que tanto criticaron.

É ben sabido que o xornal A Nosa Terra tan só conserva o nome do que un día foi. O cambio de donos e a entrada no seu accionariado de potentes grupos empresariais e económicos trouxo consigo unha viraxe ideolóxica que no seu día soñou grandeza, delirou e tentou converterse no grande medio de comunicación do nacionalismo oficial galego. Foi un dos grandes proxectos de Anxo Quintana na súa procura da homologación do BNG ao sistema, sabía que precisaba dun voceiro e o un empresario amigo amosouse disposto a botarlle unha man. O fracaso foi rotundo e o xornal é hoxe unha publicación de escasísima tirada e mínima repercusión no abano informativo en Galiza.

 

Unha das grandes iniciativas das que falabamos ao comezo e que naceron grazas ás posibilidades de internet e as novas tecnoloxías é o portal GzVídeos. Instrumento necesario e de impagábel valor que nos ten ensinado “esoutra verdade” (así como grandes documentais) especialmente no último ano en tantos conflitos ao longo do país, e do que temos tirado en máis dunha ocasión aquí en AugasCeives. O GzVídeos vén de facer público un comunicado no que denuncia a persecución por parte das FSE aos seus reporteiros e reporteiras cando realizaban a súa laboura informativa simplemente gravando ou facendo fotos en mobilizacións populares. Citan casos como a sanción de 500 euros a un dos seus membros acusándoos falsamente de portar unha faixa durante unha manifestación no mes de xuño, ou o xuízo a celebrar mañá xoves contra unha das súas reporteiras por uns feitos acontecidos o 24 de xullo do ano pasado e nos que é acusada pola Policía de corear consignas contra o corpo armado do Estado. Hai convocada unha concentración de apoio nos Xulgados de Fontiñas da capital galega para antes da hora de comezo do xuízo.

Estes dous exemplos constitúen a demostración práctica do grave deterioro da liberdade de expresión nesta Democracia. A información libre e independente é hoxe incompatíbel cos medios comerciais e coa orde establecida, e cada un ao seu xeito combate a quen ousa darlle luz.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis