Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

19/09/2009 GMT -1

O PP TENLLE MEDO ÁS BANCADAS

augasceives @ 10:33

Se hai poucos días coñeciamos albergabamos algunha posibilidade de ver de novo este Nadal á Selección Nacional de fútbol disputando o amigábel que xa vén sendo tradición dende hai catro anos, onte mesmo esas esperanzas derrubábanse logo de anunciar o responsábel da política deportiva da Xunta que non habería financiamento. En tempos nos que a escusa do aforro e da austeridade serven para apoiar calquera decisión teña o fondo que teña, o política de liquidación que leva adiante o goberno de Feijóo está a esnaquizar calquera mínimo resto de identidade propia. Hai poucas semanas confirmábase tamén a desaparición de Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. Arestora, a disputa do amigábel da Selección Galega é ben dubidosa, aínda que nas últimas horas xurdiu unha última posibilidade.

 

Xa temos denunciado aquí a política da Consellaría de Cultura, sometida aos ditados da Igrexa e orientada única e exclusivamente á promoción do Xacobeo. Nese senso, a palabra insírese na denominación de varios equipos deportivos da elite en baloncesto, fútbol sala e ciclismo, aínda que os casos son ben distintos. No primeiro deles, a Xunta achega 1’2 millóns de euros a un equipo que non vai contar entre os seus xogadores con galego ningún. No caso do equipo ciclista, o patrocinio vén asinado xa dende a pasada lexislatura. O que semella que non se encadra na política cultural destes devastadores da nosa identidade é o Culturgal, que pasa a engordar a listaxe de vítimas políticas do PP asasinadas co fusil da demagóxica austeridade.

Quizais a principal demostración colectiva de identidade propia que se ten producido estes últimos anos foron os encontros da Selección Galega de fútbol, sen esquecer por suposto a manifestación nacional do pasado dezasete de maio en defensa da nosa lingua. Neles, o orgullo dun pobo manifestouse á par que nos terreos de xogo nas rúas esixindo a oficialidade e o noso dereito a competir internacionalmente de xeito oficial. Proíalles aos nostálxicos de Millán Astray tales manifestacións de avanzo social. Era previsíbel que a chegada ao poder da dereita española dera en rematar coas seleccións deportivas de Galiza. Unha vez confirmado, lemos hoxe que xurde unha alternativa de última hora.

Santi Domínguez, hoxe tenente de alcalde na cidade de Vigo e anteriormente Secretario Xeral para o Deporte, é o responsábel da posta en marcha da Selección Galega na época moderna. El foi quen impulsou aquel primeiro encontro en San Lázaro. Declara hoxe nun medio de comunicación galego que dende a administración local viguesa está disposto a organizar o encontro deste Nadal. Bo coñecedor do asunto, afirma que co apoio dos patrocinadores dos pasados anos é viábel a disputa do encontro sen custos elevados para a Xunta. Ou o que vén sendo o mesmo, a demostración de que detrás da decisións do PP están motivos ideolóxicos e non económicos, algo que todos e todas sabemos de sobra. A resposta nas bancadas foi máis ca sobresaínte, e ese é outro motivo de medo para o PP.

Veremos como remata esta posibilidade, pero dende logo sería un exercicio de coherencia cos principios que demostrou durante o tempo que no que foi responsábel da política deportiva do Goberno Galego.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis