RESISTENCIA MASSÓ
No día de onte, producíase en Cangas unha nova manifestación contra a presenza dos camións que están a executar o atentado de Massó. Foi unha protesta espontánea na que ducias de veciños e veciñas se concentraron para denunciar a ilegalidade da situación vendo que a maquinaria incumpría os sinais viarios que lles impiden acceder á zona na que están a realizar os traballos. Ben certo que un mal moito menor á vista do maior “pelotazo” urbanístico de Galiza, pero símbolo de que a loita non mingua contra os especuladores e os seus corruptos protectores. Mentres os camións actuaban na obra que carece de licenza municipal, dous veciños eran detidos pola Garda Civil por manifestárense contra esta caste de terrorismo. Resistir tamén é loitar, para vencer!
Malia que foron postos en liberdade na tarde de onte, agardan agora citación xudicial seica por un delito de desorde pública e coaccións. Son mariñeiros, son veciños que defenden os seu medio de vida, o litoral, a ría, a terra…
Mentres avanza e se consuman os feitos, a noxenta política oficial propagandística segue sentada no Parlamento e viaxa en coche oficial. Mentres a sociedade loita coa forza da razón, o tripartito representa unha farsa carente de guión críbel e de actores capaces. O PP asegura que o BNG pode parar as obras dende a Alcaldía de Cangas (que ostenta Clara Millán), e estes aseguran que é competencia da Autoridade Portuaria de Vigo (que ocupa o PP na persoa de Corina Porro). Nin uns nin os outros teñen vontade de facelo, pois todos gardan intereses escondidos e se axeonllan diante de quen verdadeiramente move os fíos. A entidade financeira Caixanova está detrás do proxecto e os seu máximo dirixente fai parte do Consello de Administración do Porto de Vigo (xunto a outros influentes empresarios, o que non hai son mariñeiros nin representantes da sociedade civil). A política oficial está claramente suxeita aos ditados do poder económico, polo que é máis ca unha utopía que se enfronten.
Do que non queda dúbida é da vontade, da firmeza e da determinación dun pobo en pé. Este vindeiro sábado terá lugar un concerto solidario cos detidos (con todas as persoas que veñen padecendo a represión xudicial e policial dende o comezo do conflito). En Cangas tocarán de balde catro grupos comprometidos que montan festa e cantan dignidade: Stupenda Jones (dende Euskal Herría), Dakidadarría, O Sonoro Maxín e Dios Ke Te Crew; con presentación a cargo de O Leo i Arremecághona. Os cinco euros que custa a entrada irán destinados integramente ao fondo solidario “pola defensa de Massó”.


Chúzao
del.icio.us
