Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

26/09/2009 GMT -1

O POBO NON CALA, HONDURAS NON SE RENDE

augasceives @ 04:53

Achegámonos hoxe á situación en Honduras. Tentaremos facer un breve repaso polo que está a acontecer e polo que é outro exemplo máis de ocultación informativa a grande escala. Semella complexo entender que ás alturas nas que andamos poidamos estar falando dun golpe de Estado, con toda a naturalidade e como se de nada grave falaramos. Ao tempo que se celebran cumios nos que se di querer pór solución á crise económica mundial, ao declive capitalista; ao tempo no que diante dos máis corruptos organismos mundiais se predican bos propósitos e grandiosas intencións, os chamados líderes mundiais obvian, cando menos, os incomprensíbeis acontecementos en Honduras.

 

É evidente que ningún lugar do mundo escapa ao control das estratexias xeopolíticas das grandes potencias mundiais, nomeadamente de Estados Unidos. Polo tanto, inxenuo sería pensar que non está a CIA detrás de canto movemento hai no mundo que poña en risco o poder das oligarquías teledirixidas ou que ouse cuestionar os intereses imperialistas. Esa América Latina revolucionaria que está a inspirar novas esperanzas figura como branco preferente dos obxectivos dun Capitalismo que é posto en dúbida. Ben é certo que con ducias de matices que se poderían discutir, a resistencia encabezada mediaticamente por Venezuela leva detrás outros proxectos políticos que sen tanta presenza propagandística si son realmente dignos de atención.

Quen sabe se o de Honduras podería ser o ensaio xeral dos plans ianquis para outros territorios de Sudamérica, o que si é certo é que cadaquén está no seu papel e interprétao á perfección. A chamada “comunidade internacional” obvia pronunciarse e actuar en favor do pobo hondureño nun exercicio de noxento terrorismo pasivo. A Igrexa apoia aos golpistas. O pobo resiste e debuxa no deposto Manuel Zelaya o faro a seguir. O goberno ilegal fai uso das forzas represivas sen ningún tipo de miramento. Como apuntamento curioso, indicativa é a manchada de eufemismos cos que a prensa occidental se refire a Micheletti  (líder do Golpe e ocupante da Presidencia) e que van dende “goberno interino” até “goberno de facto” pasando por un amplo abano cuxo denominador común é evitar a palabra “golpe” ou “golpista”.

Expulsado o presidente lexítimo Manuel Zelaya de Honduras, as manifestacións e os disturbios nas rúas viñéronse repetindo nos últimos meses. A resistencia cidadá saíu firme ás rúas para atoparse de fronte coa violencia policial que deu como resultado asasinatos, agredidos, detidos, etc. Por suposto, nin rastro de dereitos humanos nin nada semellante, só violencia e represión por parte dun goberno golpista que está a sementar un conflito armado que non é descartábel que floreza. É xa idea espallada entre a poboación, e así o afirmou abertamente o presidente expulsado Zelaya, que o pobo debe tomar as armas. Unha guerra civil non sería a solución, pero en lexítima defensa todas as opcións son válidas para un pobo que ve como se programa dende fóra o caos, a destrución e a morte nas súas rúas.

Hai poucos días coñeciamos o regreso de Manuel Zelaya a Honduras, refuxiado na embaixada brasileira de Tegucigalpa. O último episodio coñecido até agora é o ataque da policía con armas químicas o edificio da embaixada.

Se quixeramos analizar máis polo miúdo a situación de seguro que teriamos que facer referencia a outros aspectos da situación política en América Latina, de seguro non poderiamos esquecer o papel de Colombia, os últimos movementos de Obama coa colocación de bases militares no país de Uribe, as sempre presentes FARC, o medo aos movementos sociais e outros tantos. É inevitábel pensar que o obxectivo final é frear a expansión da conciencia libre que está a prender en América Latina e que está a levar ao poder a líderes con proxectos verdadeiramente socialistas (aínda que uns con grandes doses de populismo moi prexudicial) e que se enfrontan ao capitalismo occidental. Está Obama mandando un aviso a Chávez por medio de Honduras? É cruel crer que se poida usar a todo un pobo como ensaio dunha estratexia política. Aínda que se esta teoría fora errada, non é menos cruel crer que se poida permitir o que está a acontecer en Honduras en función duns ou doutros intereses políticos que se debaten nas Asembleas da ONU, ás que nunca o pobo pode asistir.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis