DECIDIDOS A RESISTIR
O PP máis infame de cantos se lembran ocupa a Xunta e dende ela está decidido a espallar a súa idea liquidacionista, opción que se fixo co control do partido trala morte (política) de Fraga. A súa acción no Goberno consiste en eliminar todos cantos proxectos garden esencia da lexislatura pasada e en espallar ese rancio cheiro neoliberal, españolista, ultracatólico e uniformizador que guía a súa política. Saben que é o principal elemento que identifica a un pobo diferente e fixaron como obxectivo primordial a guerra contra o idioma, servíndolles de faro minúsculos e ridículos grupos de presión que da man dos subvencionados comerciais tecen un artificial estado de opinión. O que queda é a resistencia cívica, nas rúas e no día a día contra estes indesexábeis. Máis preciso ca nunca é xuntar forzas, e o vindeiro día 18 será o momento de demostralo en Compostela.
Aqueles que se amosan contrarios a calquera exercicio de recuperación da chamada memoria histórica e da reparación da dignidade aos asasinados e represalidados polo Estado Español durante a Ditadura e Guerra Civil empregan acotío a falacia de que non é preciso “remover o pasado”. Argumentan, abandeirados polo PP, que os consensos acadados non se deben pór en dúbida, aludindo ao pacto de esquecemento da chamada “Transición”.
Máis ese mesmo razoamento non lles vale cando é para derrubar se é preciso outro grande acordo consolidado. Un dos sustentos da “Autonomía”, como gustan de chamarlle ao status que Galiza acadou nesta “Democracia”, é o acordo en materia lingüística, coa Lei de Normalización aprobada por consenso en 1983. Agora xa non descartan Feijóo e os seus sicarios “remover o pasado” para, se for preciso, derrogar a normativa que o mesmo Fraga, se ben non cumpriu, tampouco chegou a pór en cuestión. En tan só seis meses esta nova Xunta acumulou golpes que van polo rego de extinguir da vida pública ao idioma propio de Galiza, reducilo ao que os seus parentes ideolóxicos o relegaron hai medio século e deixalo esmorecer para logo dicir que, coma tantos outros, faleceu de “morte natural”.
Supresión do requisito de coñecer o galego para exercer como funcionario público ao retirar a obrigatoriedade da proba nas oposicións, supresión do termo “Galescola” e de canta esencia galega (educación das crianzas en galego) mantivera a rede de escolas infantís públicas que creara a anterior Xunta, supresión do “Decreto do Galego” que até o de agora viña garantindo un mínimo dun 50% de materias en galego no ensino… a esta xeira hai que engadir a última polémica reaberta (de “remover o pasado”) polo PP, desta volta coa colaboración do PSOE. Logo de que Carlos Negreira (recente defensor da figura de Millán Astray) aproveitara a situación para insistir unha vez máis na legalización da forma deturpada do topónimo d’A Coruña, o propio alcalde do PSOE desafiou todos os preitos que Paco Vázquez perdera durante anos para amosar a súa disposición a buscar a legalización de “La Coruña”. Co terreo achanzado Feijóo animou a que sexa o Concello quen propoña a iniciativa que el gustosamente levaría ao Parlamento. A aprobación deste disparate suporía un atentado contra a LNL do 83, que sería preciso senón liquidar, cando menos modificar (art. 10: “…todos os topónimos terán como única forma oficial a galega.”). Afirma o Presidente da Xunta que “non hai que ter medo ao que os cidadáns opinen (…) en liberdade”…
En efecto, o que a cidadanía opina quedou patente o pasado dezasete de maio, cando unha inmensidade ateigou as rúas de Compostela na maior manifestación en defensa do idioma que se deu nunca. Naquela mañá de choiva, o pobo dera unha lección de dignidade e firmeza contra unha política da Xunta que non fixera máis ca anunciar as súas intencións, aínda sen consumar todos os golpes que iríamos coñecendo ao longo do verán. Aínda sen deixar de chover, o 18 de outubro preséntanse como a próxima cita ineludíbel para cidadanía consciente e na que é preciso facer outra demostración de forza e bater forte na porta dun Goberno que está a esnaquizar o principal eixo do noso ser. Agroman iniciativas e plataformas en prol da defensa do galego, o cal se pode entender como positivo pero que ao tempo nos fai preguntar unha vez máis pola tan demandada “unidade”. Achamos que é irrelevante quen convoque ou deixe de convocar cando o obxectivo que se persegue é o mesmo, polo que non consideramos necesario citar aos promotores da manifestación e si chamar á asistencia masiva e asolagadora de cantos “bos e xenerosos” rexeiten a infame política de Feijóo e o PP.


Chúzao
del.icio.us
