EN ARÍNS COMO EN ARENYS
O ridiculismo como movemento serio acada a súa máxima expresión no país da retranca. A plataforma Sei o que nos figestes… nos últimos 525 anos acumula xa unha longa traxectoria de humor e parodia intelixente cuxos brancos son eses enviados da metrópole para consagrar a colonización. Para este sábado teñen pensada a maior e máis brillante das súas iniciativas até o momento. Nunha “Homenatge a Catalunya” desenvolverase unha consulta popular en Aríns, ao xeito do que se fixera hai unhas semanas en Arenys de Munt, con todos os elementos propios da democracia máis propia.
Os actos comezarán ás seis da tarde, cunha palestra a cargo de Ramón López-Suevos, catedrático da USC. A partires de aí, e dunha maneira sorprendentemente real, realizaranse as votacións ao máis puro estilo desta “democracia”. A xa de entrada sorprendente pregunta que centrará o referendo non podía ser máis axeitada: Desexa que Galiza continúe a ser unha colonia como nos últimos 525 anos ou, polo contrario, quere que a partires de agora sexa algo completamente diferente? O inquérito pide a berros a opción intermedia do “depende”, que sería sen dúbida a que arrasaría entre o si e o non.
Como en todos os comicios en Galiza non faltarán os elementos típicos. Neste caso a carretaxe corre a cargo da propia organización e establecerase a posibilidade de voto en urna ou por correo como non podía ser doutro xeito. Advirten os promotores que sexa cal sexa a forma de voto será imprescindíbel identificarse, mais que ninguén se achegue presentando o DNI español, pois evidentemente ese cartón non será válido. A mellor descrición das posíbeis opcións explícase no sitio de Sei o que…: anexe cópia de qualquer documento acreditativo da sua identidade galega (Cartão Nacional de Identidade ou Passaporte da Galiza, cartom de sóci@ do Xabarín Club, do Cine Clube Compostela, d'A Gentalha do Pichel, o cartom do Sergas, o do ginásio, o do sindicato, o de doador de sangue, o carné jovem, o de sócio de Rio, o carné do paro, o do Club Dia%, o carné da Biblioteca de Buenas Lecturas e, em geral, qualquer um que nom seja o D.N.I. pequeno-imperial). Por suposto permitiráselle votar a toda persoa de nacionalidade galega, de Aríns ou non, maior de dezaoito anos, ou menor…
A novidosa iniciativa acadou unha sorprendente presenza mediática, sobre todo en Catalunya, onde se presenta como unha consulta ao xeito da de Arenyns e recibindo un trato case equivalente. Nos medios galegos non foi semellante a resonancia, mais si acadou unha páxina no principal medio propagandístico da Capital de Galiza. Hai que dicir que a difusión do referendo foi case na súa totalidade por medio de Internet, onde si é certo que acadou importante relevancia tanto na súa web como en distintas redes sociais.


Chúzao
del.icio.us
