O PRIVILEXIO DOS PARÁSITOS
Opinión de Sabela Ferreirós arredor das decisións en cuestións económicas do Goberno do Estado e do concepto "laico" que se lle aplica.
Ás voltas coa política económica do Goberno Español en plena crise, a filosofía dun partido seica de esquerdas fica detrás da porta e o PSOE racha todas as teorías económicas socialistas. A anunciada suba de impostos vai deixar indemnes ás clases altas, aos poderosos, ás rendas máis elevadas. O PSOE apunta cara os impostos indirectos, eses que gravan o consumo e polos que todos os petos pagan o mesmo. Fronte á crise, a manobra económica dos que se din socialistas é aumentar o IVE.
De actualidade os Orzamentos Xerais do Estado, que por estas semanas comezamos a coñecer, ían ser branco evidente dos opositores a este Goberno e necesariamente tiñan que ser especialmente observados nestes tempos de afundimento capitalista. Adoita ser o centro do debate o apartado de investimentos en infraestruturas e o gasto en política social. Alimento polo tanto para opinadores a soldo e creadores de opinión.
Imos dedicar este texto a salientar un exemplo definitorio do irracional de toda esta farsa. Nun estado autodenominado laico, e onde un Goberno foi branco dos ataques máis duros por parte dos sectores máis reaccionarios debido á relación Estado – Igrexa. A entidade Igrexa Católica (S.A.) mantén escandalosos privilexios de financiamento e exencións fiscais que ningún goberno se atreveu nunca a modificar, e aínda así chegouse a falar de “persecución aos católicos”. Daría para moito falar a historia desta entidade, das responsabilidades e das manchas de sangue que levan as sotanas, pero deixando iso a un lado, ollemos a actualidade, o hoxe, o século XXI no que a irracional fe pugna aínda coa ciencia e o coñecemento.
Dende hai dous anos, o Goberno do PSOE que seica “perseguía aos católicos” e á “fe cristiá”, aumentou dun 0,52 a un 0,7% a asignación que na declaración da renda cada cidadán pode outorgarlle á entidade privada Igrexa Católica (S.A.). Ese mesmo Goberno vaille entregar o ano que vén 159 millóns de euros en concepto de anticipo do que se estima que o IRPF lle outorgará á rede eclesiástica e aos seus negocios. O desaxuste en favor dunha ou da outra parte corrixiríase posteriormente. En concepto de anticipo segundo a previsión que se fai!! Repárese no obsceno que resulta todo isto en plena crise, da clase traballadora por suposto. Engadámoslle agora o destinado á Casa Real e pensemos na clase parasitaria que está a chuchar o sangue dos que padecen EREs, despedimentos e demais. É preciso relaxarse para que non se manifeste a violencia, cando menos de pensamento…
(esquezamos o financiamento do maltrato animal disfrazado de cultura, esquezamos o gasto en armamento militar…)


Chúzao
del.icio.us
