Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

05/10/2009 GMT -1

ESPERPÉNTICO XUÍZO CONTRA OS DOUS PRESOS INDEPENDENTISTAS GALEGOS

augasceives @ 17:38

A pasada semana, concretamente o venres, foron xulgados na Audiencia Nacional de Madrid os dous mozos galegos detidos vai xa para dous anos Santi Vigo e José Manuel Sánchez. Ámbolos dous foron acusados de seren os responsábeis da preparación dun atentado contra unha inmobiliaria no Barbanza. En “prisión preventiva” dende aquela, o feito da seren independentistas provocou que sen lugar a dúbidas este xuízo tivera un marcado carácter político, como xa antes o tivo o de Ugío Caamanho e Giana Gómes. Desta volta, os dous presos enfróntanse á petición da Fiscalía de cinco anos de cárcere. Ceivar publica no seu web unha completísima crónica da que a seguir tiramos o máis salientábel.

Nas últimas horas, vén tamén de comunicar a saída en liberdade dos dous presos galegos, extremo este último do que non se poden dar arestora máis datos.

 

65 persoas desprazáronse á cidade de Madrid para estaren presentes e amosar a súa solidariedade cos dous presos galegos grazas ao desprazamento que organizou unha vez máis Ceivar. Concentrados diante da A.N. antes do comezo do xuízo, foron testemuñas da cordialidade, tolerancia e respecto que varios cidadáns da capital española lles demostraron con berros de “Arriba España”, “Viva Franco”, “Asesinos” ou “Hijos de puta”. Mágoa que non poidan facer gala da súa hospitalidade alá por 2016…

O descoñecemento que dende Madrid se demostra habitualmente nos medios de comunicación sobre a realidade social galega fíxose patente na institución xudicial e nos Gardas Civís que participaron no xuízo. A confusión e a ignorancia apoderouse dos seus argumentos de tal xeito que por veces provocou as gargalladas dos presentes na sala. A paus de cego, tanto Santi como Xosé foron preguntados na súa quenda de declaración pola súa militancia no independentismo galego, facendo unha incríbel mestura de siglas, botando man unha vez máis dese invento das FSE chamado MLNG e interesándose por entidades tan dispares como AMI ou Siareiros Galegos. Logo de os dous recoñeceren que portaban un artefacto explosivo no momento da súa detención, as pescudas da Garda Civil teceron a idea de que a acción se desenvolvía no marco dunha campaña de AMI contra a especulación inmobiliaria.

Posteriormente declararon 27 Gardas Civís que o que achegaron foi unha sobredose de confusión á xa de por si difusa idea que os organismos políticos e xudiciais teñen sobre a realidade galega. Insistindo unha e outra vez en empregaren como sinónimos os termos “independentismo” e “terrorismo”, os axentes achegaron como probas serias “documentos” atopados nos domicilios dos dous presos. Eses documentos van dende os carnés de Siareiros Galegos até a banda deseñada “Os Peláez” (editada por AMI), así como diversos folletos e cartaces repartidos en actos públicos como por exemplo manifestacións. Esta fase do xuízo foi, como dicimos, unha constante de disparates nos que os membros da banda armada española tentaron continuamente presentar como probas fiábeis e contundentes feitos como por exemplo o de asistir a unha manifestación. O cuestionamento de liberdades tan básicas coma esta (asistir a unha manifestación) nun organismo xudicial de tan alto rango evidencia a fraqueza do sistema “democrático” español…

A comparación de Ceivar con Gestoras Pro Amistía (Euskal Herría), a inclusión da agrupación de montaña AMAL entre o suposto MLNG, referencias á Operación Castinheiras (ameazando con reabrila) e ao EGPGC, citar como proba que os avogados de Santi e José sexan os mesmos que os de Ugio Caamanho e Giana Gómes (cando só un deles o é)… todas estas razóns que engordan un “informe” da Garda Civil que sería inmediatamente rexeitado de existir un mínimo de seriedade xurídica e non tratarse isto dunha farsa política. Fronte a isto, as argumentacións do perito da defensa espallaron algo de racionalidade nesta maré de parvadas. De entre o máis salientábel, a cuestión de que o suposto artefacto explosivo de grande potencia destrutora foi trasladado polos axentes até o cuartel sen medida ningunha de seguridade… Contraditorio, cando menos.

Para rematar, a defensa solicitou a libre absolución argumentando que ningunha das probas se amosaba como consistente, principalmente por non poder determinarse a capacidade destrutora do artefacto e non ser posíbel así cuantificar os danos que puidera producir. Afirmou tamén que toda a liña argumental da Garda Civil non era máis ca unha exaltación das teorías criminalizadoras do independentismo galego. Cousa que, engadimos nós, non se limita puntualmente ás disparatadas razóns que deu a “Benemérita” senón ao discurso do españolismo mediático e do oficialismo político, que teiman en mesturar independentismo con terrorismo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis