CALES SON OS PIRATAS?
Céntrase o debate político e mediático nos últimos días no secuestro dun atuneiro con tripulantes galegos a bordo a mans duns “piratas” preto das costas de Somalia. Posto que é un caso que se vén repetindo con certa frecuencia nos últimos meses, e que pola gravidade da situación acada grande atención xornalística, abriuse axiña o abano das posíbeis solucións. Dende a concepción do mundo baixo a lóxica de “bos” e “malos”, o debate xira en torno á posibilidade de militarizar os barcos como protección para os pescadores durante a realización do seu traballo. A prol ou en contra de levar militares a bordo, non cabe outra opción neste debate. Non é doado atopar análises máis fondos ou procurar as causas deste tipo de sucesos, semella non haber alternativa a combater militarmente aos “malvados piratas”. Por iso teñen máis valor os poucos que podemos atopar, valentes, como o que esta mesma mañá ofreceu Xavier Vence na radio pública de Galiza. Que hai detrás de toda esta cortina de fume?
É arriscado antepoñer calquera argumento á protección da seguridade dos barcos e dos mariñeiros, xa que a devastadora lóxica da demagoxia varreríao axiña. Aínda así, apoiándonos na información alternativa que a rede ofrece, tentaremos facer un resumo do que hai alén do debate de se militarizar ou non os barcos. Recomendamos, ademais da xa citada análise de Vence na RG, o seguinte artigo no portal Kaos.
O saqueo do continente africano por parte de Occidente está tamén detrás deste conflito. A sobreexplotación impune dos seus recursos naturais, permitida polos organismos internacionais compostos polos propios beneficiarios, provoca como é natural reaccións populares en defensa da Terra. Dende que a comezos dos 90 o Estado de Somalia colapsara, e desaparecera como tal, aquel organismo pantasma non é quen de desempeñar unhas funcións que lles serían propias, por exemplo o control das súas augas. Nos últimos vinte anos as potencias occidentais teimaron en usar como vertedoiro as proximidades das costas somalís, alí no chamado “corno de África”. Toneladas de lixo nuclear tóxico, restos de construcións, metais pesados perigosos, etc. Afirman os expertos que o tsunami de 2004 deixou á luz do día toda esta desfeita, o que deu comezo á reacción popular.
Os propios pescadores tomaron a iniciativa de defenderen as súas costas fronte aos barcos dos ricos que acudían para espoliar os recursos mariños e facer daquelas augas o sumidoiro do “primeiro mundo”. Son os membros da propia ONU os que incumpren os seus propios acordos, os que lles permiten ás grandes compañías ignorar a legalidade internacional. É pirataría que os somalís exerzan accións para defender as súas augas, no canto de ficar no papel que o capitalismo lles reservou: famentos e pasivos. Non é pirataría a pesca ilegal, o esquilmar os mares de daquela parte do mundo e o empregalos como grande sumidoiro mundial do lixo dos ricos.
Unha vez máis, o poder do capitalismo non reside unicamente na forza das súas multinacionais nin no verde dos seus billetes que o poden mercar todo. O devastadora poder de destrución e anulación das mentes está nos grandes medios de propaganda masiva, que indican o camiño do bo pensamento ofrecendo só unha posibilidade. A “verdade oficial” é indiscutíbel, e constrúese en base a ese concepto de “bos” e “malos” no que dividen o mundo.


Chúzao
del.icio.us
