A MAIOR OPERACIÓN PROPAGANDÍSTICA DA HISTORIA
Aquela parte do mundo que aínda mantén unha consciencia crítica e non atordada polos mass media vén de quedar abraiada co anuncio de que lle era outorgado o Premio Nobel da Paz a Barack Obama, Presidente dos Estados Unidos de América. O prezado galardón, como todos os desta caste, sempre está en mans dun xurado que pode manexar os seus criterios en función duns ou doutros intereses, polo tanto, sempre susceptíbel de erguer coincidencias ou controversias. Desta volta, dende ningún outro punto de vista que non sexa o propagandístico pode ser entendida a decisión. Segue a engordar a que en efecto é a meirande ilusión óptica creada endexamais polo capitalismo.
Con menos dun ano no cargo, a ilusión creada polo capitalismo a golpe de marketing engadiu un recoñecemento máis á súa aínda curta traxectoria “á fronte” do mundo. A orxía colorista e a borracheira de ilusión eufórica obrigada coa que o sistema o colocou onde está asolagounos a todos a comezos deste ano. O exceso mediático impulsounos a crer nel como o que había mudar a orde mundial das cousas, malia ter
por diante a dificultade de reconducir (e “refundar”) o capitalismo, en plena creba.
Mais o tempo foi pasando, e o único que avanzou foi o agravamento da situación das clases traballadoras por mor da caída dos febles piares nos que a tolemia financeira se asentaba. O mestre da palabra e dos discursos emotivos, cargados de esperanza e optimismo, non é quen de mudar o fondo da cuestión. As guerras abertas que mantén o Imperio Ianqui tanto en Iraq, como en Afganistán como noutros recantos do mundo non viron motivos para a esperanza de remataren pola acción dun Presidente dos EUA que non fala para nada de retirada, aínda que sabe que é a única saída que lle queda. Non mudou a súa alianza co Estado xenocida de Israel e non se lle coñece xesto ningún cara a pedirlle contas polo masacre en Palestina de comezos de ano, nin da política de agresión cotiá que non sae a diario nos “informativos”.
Pola contra, Obama é xa responsábel directo das decisións tomadas por el mesmo, alén dos conflitos herdados. O simpático e sorrinte líder mundial está a practicar unha estratexia continua e desestabilizadora en Sudamérica, facendo por momentos que sopren ameazantes ventos bélicos que arrepían. A súa colaboración con outro dos seus monicreques espallados polo mundo, como o Presidente Uribe de Colombia, acordou o asentamento de novas bases militares naquel país. Segue a estar o punto de mira de Washington en Irán. E por enriba de todo, innegábel é a participación da Administración Obama no Golpe de Estado de Honduras e na situación que padece o pobo máis de cen días despois. A falacia da procura da paz por medio de máis tropas e exércitos.
Non cabe dúbida de que a entrega deste Nobel da Paz é unha outra operación máis de marketing para elevalo por enriba dos mortais e encomendarlle a tarefa de mudar o mundo, iso si, dende o mesmo sistema que o está a esnaquizar. A pouca credibilidade que puideran manter os galardóns vese derrubada ao prostituírense en prol desta operación publicitaria chamada Obama.


Chúzao
del.icio.us
