Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

13/10/2009 GMT -1

A POLICÍA ESPAÑOLA DETÉN A VARIOS CIDADÁNS POR REUNÍRENSE

augasceives @ 18:05

A tolemia policial españolista non cesa. No seu silenciado banco de probas, como son os territorios de Euskal Herria (comunidades de Euskadi e Nafarroa), seguen a atentar impunemente contra os máis elementais dereitos recollidos na lexislación tanto internacional como a do propio Estado Español. Vénse de coñecer que esta mesma tarde, a Policía Española detivo a varios representantes abertzales por cometeren o grave delito de reunírense. Foi na sede de LAB en Donosti e cos medios de propaganda (cámaras e xornalistas) presentes e escolleron a caras coñecidas para darlle á operación máis impacto social se cabe. Tal que se fora en pleno franquismo, o Estado Español ignora o dereito de libre asociación e véndeo ostentosamente como unha manobra constitucional e axustada a dereito.

Hai xa varios meses que se fala en Euskal Herria de “guerra sucia”, intensificada dende marzo pasado coa toma do Goberno Vasco por parte do bipartito españolista PP-PSOE. Os niveis de represión e violencia policial multiplicáronse, as violacións dos máis fundamentais dereitos son xa algo cotiá, a liberade de expresión, manifestación e asociación é algo moi relativo xa en territorio vasco. Semella que aquela parte do mundo foi illada do dereito internacional, e ao igual ca por exemplo Honduras, vívese unha situación de permanente agresión dos poderes cara o pobo que non se sabe como rematará.

Arnaldo Otegui, Rafa Díez, Rufi Etxeberría, Sonia Jacinto e Arkaitz Rodríguez estaban no interior das dependencias do sindicato LAB cando a banda armada española irrompeu para identificalos e detelos. Seica foron acusados de tentar rearmar a Mesa Nacional de Batasuna, baixo o nome de Bateragune, e por isto estanse a producir tamén rexistros en diversos puntos de Nafarroa. Reactivan pois unha vez máis a ofensiva contra o independentismo vasco, aínda que desta volta coa intensificación do elemento multiplicador mediático xa que non cesara realmente. A repetición da mentira, tal que acontece co conflito lingüístico en Galiza, estase a tornar en media verdade no caso de considerar delitos feitos que de ningún modo constitúen ilegalidade ningunha. A presentación desta nova como algo natural contribúe a mudar de facto o sentido que as leis teñen de cara á súa percepción social, pois a maioría atordada asume como normal esta violación de dereitos.

Seguiremos atentos a como se desenvolven os acontecementos nas próximas horas. Tan só polo momento amosar o noso máis firme apoio aos detidos e a todo o pobo vasco, así como a solidariedade co movemento abertzale que loita polos lexítimos dereitos do seu pobo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis