Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

13/10/2009 GMT -1

AUTODEFENSA NECESARIA

augasceives @ 15:04

O vindeiro domingo, 18 de outubro, as rúas de Compostela van acoller de novo unha multitudinaria manifestación en defensa da nosa lingua fronte aos ataques que dende a Xunta lle está a propinar o PP. Este levantamento do pobo galego vai moito máis alá de colectivos, entidades, agrupacións, siglas, convocantes, de quen apoie ou quen non. 

 

O Goberno do Partido Popular de Feijóo vén practicando dende que accedeu á Xunta unha política de agresión permanente contra a nosa lingua sen precedentes na historia da Democracia. Non só se nega a aplicar a normativa vixente en materia de normalización lingüística senón que a pon en cuestión e fala abertamente de modificala, cando non de suprimila. Tal actitude non se coñecera nin durante os mandatos de Fraga Iribarne, e mesmo o seu partido aprobou co consenso de todo o Parlamento Galego as leis que hoxe esta nova fornada de dirixentes da dereita española en Galiza ignoran e desprezan. Isto supón, na práctica, un retroceso histórico cuxo único fin é limitar a presenza e o uso do galego no ámbito público até deixalo en valores marxinais.

De considerarmos o idioma como un elemento máis da nosa cultura poderiamos entender que estamos perante un problema cultural, de desprezo e autoodio. Mais vai alén diso. O idioma é o principal dos elementos que nos distingue como pobo, é o eixo que nos sitúa no mundo, que nos identifica e nos dá dereito a existir como galegos e galegas. É polo que, o ataque á lingua supón un ataque aos nosos dereitos como cidadáns e cidadás. Vai alén do eido cultural xa que levamos camiño de non ter garantido (nin por lei) o dereito á atención en galego nos organismos públicos. Son de sobra coñecidas as decisións tomadas nos últimos meses e que avalan este razoamento.

A sociedade galega entende que é precisa unha resposta e non está disposta a ficar impasíbel perante a política exterminadora neofranquista que o Partido Popular e o seu entorno mediático pretenden asentar. Así o demostrou na histórica manifestación do 17 de maio, cando aínda non se tiñan producido a meirande parte dos golpes á lingua que se sucederían nos meses posteriores. Numerosos colectivos, entidades e persoas a nivel individual veñen nos últimos meses traballando no artellamento de plataformas e colectivos orientados á defensa do idioma. Cos matices que se queiran, a base social deste país púxose a traballar para deter as agresións do Partido Popular ao noso idioma, e iso é o salientábel.

A seguinte data de referencia é o vindeiro 18 de outubro, domingo. Ás doce da mañá vai saír da Alameda de Compostela a que ten que ser unha manifestación verdadeiramente histórica, contundente, rotunda e decidida en prol do idioma e contra a política agresora da dereita española do Partido Popular. Por enriba de siglas, de intereses políticos e máis alá de fotos e declaracións, ese día vai ser o pobo galego o que engrose unha das manifestacións máis importantes da súa historia independentemente de quen a convocara, de quen a apoie e de quen asista.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis