O NACIONALISMO BO
Artigo de Alberte Outeiro sobre a celebración do 12 de outubro e a exaltación dos valores propios do nacionalismo español, un ano máis.
Un ano máis vimos de asistir á exaltación colorista do 12 de outubro. Día de la Fiesta Nacional, Día de la Hispanidad, Día del Pilar, Día de la Raza, Día das FFAA, etc. Varios son os cualificativos que recibe esta data mais un só o obxectivo. A exaltación do nacionalismo español mesmo fronte aos que chaman “nacionalismos periféricos”, debuxando o rancio sentimento españolista como un deber patriótico fronte á ameaza dos separatismos que procuran a destrución do concepto de España como nación, á que por certo van xunguidos uns valores morais establecidos durante a
Ditadura Franquista. Incuestionábeis hoxe en día para non ser sinalado como sospeitoso de calquera delito que xa a Audiencia Nacional determinará.
En realidade, o que nesta data se festexa é o día no que seica Colón chegou a América. O día no que o grande Imperio Español comezaba a controlar o mundo e a espallar a civilización alén as augas do Atlántico. Ousan mesmo falar de “descubrimento”, tal que se alá non existiran xa civilizacións de seu nada necesitadas da chegada dos colonizadores españois. Espallaron morte e destrución, devastaron todo, impuxeron lingua, cultura e relixión, espoliaron o continente e roubaron todos os seus recursos naturais. Deixaron un ronsel que chega até os nosos días de pobreza, fame, miseria, ditaduras, corrupción e analfabetismo. Sementaron, iso si, un espírito de resistencia que nestes tempos ás veces semella ter prendido en maniféstase en forma de anticapitalismo, engraxado iso si con doses de populismo que se sostén en bases populares escasamente cultas.
O antiespañolismo que polo tanto agroma en Latinoamérica dende fai máis de cincocentos anos preséntasenos como antiimperialista, loxicamente, pois responde ao rexeitamento da colonización. Ese antiimperialismo maniféstase tamén, e coincide en razóns, co que se dá nos pobos oprimidos e encerrados dentro do propio Estado Español, único reduto que hoxe queda daquel “Imperio no que non se poñía o Sol”. Tanto alén do mar como aquí, baixo os dominios aínda da Coroa Borbónica, ese antiespañolismo é silenciado e criminalizado. A identificación en negativo do termo “nacionalismo” outorgoulle a connotación social do novo diaño a combater para salvar a unidade de España, como no 36 era o comunismo do que era preciso salvar á Patria, aínda que fora como foi. Xa se falamos do concepto “independentismo”, sen ningún problema incluírono xa no Código Penal para que democraticamente sexa ilegalizado.
Porén, hai un nacionalismo que escapa das consideracións que socialmente merece o galego, o catalán ou o vasco. É un nacionalismo que non se recoñece como tal, pero que é o máis agresivo e excluínte que hai, mesmo violento. Trátase do nacionalismo español, sostido sobre a mentira da “nación española”, alimentado en base a recordos do pasado e sostido en falacias franquistas. O nacionalismo español non repara en simboloxía, propaga o seu colorido a través dos medios que controla e convértenos en espectadores de luxo diante dos seus rancios tics. O máis claro exemplo, as imaxes do Desfile das FF.AA. e resto de actos con motivo desta data que en efecto só constitúe para a maioría unha ponte festiva máis no calendario: apoloxía do militarismo, da causa bélica e da forma de vida medieval son as credenciais que esta España moderna do século XXI amosa ao mundo. Un exército obsoleto e desfasado, que engule gasto público sen producir rédito verdadeiro ningún. A morte en guerras como motivo de honra e a cualificación de “servidores da patria” aos mercenarios falecidos en conflitos bélicos alleos, ao xeito que os “caídos” do Bando Nacional o facían “por Dios y por la Patria”. As reverencias á Coroa e a servidume total ás xerarquías militares, detrás das cales se agochan valores tradicionalmente clasistas, ultracatólicos e inseparabelmente machistas.


Chúzao
del.icio.us
