Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

14/10/2009 GMT -1

O ESTADO SUPERA TODOS OS LÍMITES PARA PERPETUAR O CONFLITO ARMADO EN EUSKAL HERRIA

augasceives @ 16:12

Artigo de Alberte Outeiro arredor da operación policial que onte mesmo deu coa detención de varios líderes da esquerda abertzale en Euskadi e Nafarroa. O Estado Español supera todos os límites ao asaltar a sede de LAB e deter a varios individuos polo único motivo de atopárense reunidos.

 

É xa incuestionábel a estas alturas que a vontade do Estado Español é perpetuar o conflito armado en Euskal Herría, aproveitar politicamente a violencia e derrubar calquera proposta que supoña o aproveitamento da vía democrática e dialogada. A superación de todos os límites certifica que o PSOE e mailo PP están cómodos nun escenario como o que arestora hai alí, sérvelles para aplicar as súas receitas de represión e para ensaiar na impunidade do silencio novas formas de acoso ao independentismo vasco. Por outra banda, a esquerda abertzale está a resistir a ofensiva españolista e teima en seguir traballando malia o “estado de excepción” que se instaurou nos territorios vascos.

Contra isto, Rubalcaba e Zapatero violan sen ningún tipo de problema todos os principios básicos nos que se di asentar a “democracia” española. Desmontan a separación de poderes empregando os instrumentos xudiciais para orientar a súa estratexia política. Empregan os medios de comunicación para darlle cobertura e amplificar unha operación argallada máis para as fotos dos xornais e televisións que para outra cousa. Vulneran liberdades básicas como poden ser a de reunión, asociación, expresión, participación en política, etc. Argumenta o Estado que estarían tentando constituír unha nova organización política, que eles posteriormente encaixarían na ilegalidade da Lei de Partidos. Abraiante. O asalto á sede de LAB e os rexistros realizados por varios puntos da xeografía vasca e navarra, coas cámaras de televisión detrás dos encapuchados, desmonta, unha vez máis (din) a posibilidade de que a esquerda abertzale poida participar en política. Son moitas as voces que aseguran que se está achanzando o terreo para ilegalizar a organización sindical LAB. Un dos detidos, o seu ex secretario xeral Rafa Díez Usubiaga non fora até o de agora prendido.

Dende ningún punto de vista se pode entender esta operación, á que mesmo lle queda curto o cualificativo de “preventiva”. Mesmo situándonos na súa lóxica de ilegalizacións mediante a Lei de Partidos, tampouco é explicábel pois aínda non se concretou o nacemento de ningunha nova organización política á que poder ilegalizar. Apuntan, pois, ás persoas e ao seu pensamento. A persoas que están procurando unha saída dialogada a un conflito que en Madrid se encargan de manter aceso.

O illamento da realidade social vasca é tal que un feito deste calibre, seguro que sen precedentes na historia moderna das “democracias” europeas, case non suscita reacción maioritaria ningunha. Apenas manifestacións de apoio chegadas dende as organizacións máis vivas e conscientes doutros pobos, como Galiza por exemplo. O anestésico mediático mantén entretida á “opinión pública” e, de tanto insistir na criminalización da esquerda abertzale e dalgunhas caras, o único sentimento que agroma é a aprobación desta nova violación de dereitos por parte do Estado Español.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis