Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

15/10/2009 GMT -1

A 'OPINIÓN SUBVENCIONADA' NON VE MANIFESTACIÓN NINGUNHA

augasceives @ 16:38

A semana previa á grande manifestación do vindeiro domingo está a discorrer polos vieiros que se agardaban. Intenso traballo cidadán dos colectivos que promoven a convocatoria, mobilización de base, axitación e compromiso das conciencias comprometidas… e silencio oficial. Silencio e censura nos medios públicos galegos, silencio nos grandes subvencionados que levan os cartos por promoveren a lingua, silencio dos actos previos e da resposta da xente. Hai que mergullarse nas posibilidades da rede para seguir a preparación e as novidades con respecto á mobilización. Sempre foi este un pobo de resistencia, de enfrontarse ás dificultades, sobreporse a elas e vencer; de loitar contra o silenciamento e continuar. Non vai ser esta unha excepción.

 

Non agardabamos, por suposto, a cobertura dos xornais de Arteixo, Vigo, Compostela, Ourense ou Lugo. Fan parte da estratexia que dá pé ao conflito e á necesidade de resposta, son un dos piares fundamentais desa “propaganda Goebbels” que o españolismo activou para asestarlle este brutal e prolongado golpe ao galego. E pagados, os “nosos pequenos” opinadores que xogan a buscar oco entre as grandes estrelas do firmamento madrileño no que a “Creadores de Opinión” se refire. Temos notorios e variados exemplos de contertulios “bilingües” que falan de facer e fan sen falar.

opinión públicaSon esa caste de sabios, entendidos, analistas ou prestixiosos xornalistas que pola mañá sentan cátedra na Radio Galega en galego, pero que xa andando o día iluminan ao lector da Voz co seu hábil verbo en perfecto castelán “de provincias”, que pasean gustosos polos foros madrileños. O obxectivo final de todos e cada un. A descrición responde perfectamente a un nome, Fernando Ónega, pero son bastantes os seguidores que rexeitan publicar opinión en galego, pero si laretan na nosa lingua cando quen os chama e a radio ou a televisión pública de Galiza. Pensamos agora en Barreiro Rivas, grande mestre de demagogos e afiado. Existen moitos máis casos, abonda con ollar a nómina de opinadores dos principais subvencionados do país. Ademais, teñen agora unha nova aspiración, pois ben se sabe que o amosar a cara na televisión sempre achega ese plus que non da a letra nas follas ou a voz nas ondas. A andaina do programa Hai Debate! foi segada polo novo goberno, que pirateou o formato (tamén o nome –Foro A(l)berto lle din agora-) e puxo á fronte do circo a un tal Carlos Luís Rodríguez, namorado de si mesmo e da súa persoa que até o de agora era un dos máximos expoñentes do ridículo oficial do xornalismo galego (en castelán) nas follas editadas na Capital Galega.

Non podemos resistirnos a citar o novo esperpento do abano mediático galego. Trátase de Xornal de Galicia, seica vencellado algún día ao BNG e abandeirado dese seudoprogresismo galeguista, mesmo rebelde no institucionalismo e disque defensor (igual que os outros) dos intereses de Galiza, tamén do seu idioma. Trátase dun outro subvencionado que eleva a porcentaxe de publicación en galego un pouco por enriba do xa coñecido (agás as excepcións monolingües), pero que mantén os mesmo prexuízos en canto á relación da “importancia” da noticia e o idioma no que se conta. E aquí si que podemos atopar unha extensa nómina de opinadores desconcertantes. Comezando polo seu director, seica outro dos prestixiosos en Madrid e que en Galiza se reviste de fama “progre” nas súas aparicións (en galego) nos medio públicos. Incapaz o pobriño de atreverse en galego na súa columna diaria. O resto da listaxe pode deparar sorpresas interesantes, con xornalistas recoñecidos e supostamente de corte galeguista.

Non consideran que sexa a grande manifestación do domingo merecente da súa atención, porén si cren que estarán un pouco máis preto de Madrid se enlean nos ditados que dende alá mandan. Tampouco por aquí hai axudas, mais como xa temos dito o pobo só será que encha as rúas de Compostela dentro de catro días.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis