VAI SER O POBO QUEN RESPONDA
Facemos dende AugasCeives un chamamento á responsabilidade e á participación na MANIFESTACIÓN NACIONAL do vindeiro domingo en Compostela, en defensa da lingua e contra as políticas agresoras do Goberno de Feijóo. Velaquí o seguinte editorial.
Se algo hai dabondo neste país no que atinxe ao movemento social son siglas. Organizacións, entidades, agrupacións, escisións, plataformas… Dá isto a entender, por unha banda, a grande iniciativa e o ánimo de impulsar constantemente alternativas, froito dunha análise constante e ansias por achegar ideas. Mais por outra parte albíscase unha importante división que constitúe seguramente a eiva máis importante que arrastra este país no eido no que estamos a falar. Sobran promocións persoais, gañas de fotos, fame de grandes titulares e sonoras declaracións. Sobra, nunha palabra, protagonismo e falta ás veces altura de miras, autocrítica e reflexión.
Tanto o positivo como o negativo deste feito ten que quedar necesariamente estancado o vindeiro domingo. Ben é certo que o asunto lingüístico mantén unha fenda que é motivo de división permanente, tamén desta volta ao presentárense dous grandes bloques. Tanto nun coma noutro, ficaron disolvidos os nomes que constitúen cada unha das dúas grandes plataformas convocantes, algo sen dúbida a valorar como moi positivo.
A responsabilidade tennos que levar a todos a esquecer estes matices e deixar para logo todo canto non sexa o motivo principal desta loita, que non é outro que a lingua. Trátase dunha loita que non é propiedade de ninguén, é unha loita do pobo, que en lexítima defensa sae ás rúas a resistir en prol do seu ben máis prezado. E coma tal, non sendo propiedade de ninguén, o pobo encherá Compostela co único espírito de amosar a firme vontade de defender a lingua e o máis absoluto rexeitamento ás políticas galegófobas do Goberno da Xunta e aos que as inspiran. Vai ser o pobo quen responda ás agresións. Porque son moi cativos de conciencia e moi dubidoso é o compromiso daqueles que saian pensando en buscar a mellor posición para a foto, en agarrar a faixa máis polo por un lado ou ter preparada a máis grandiosa sentenza para cando o micrófono se poña diante.
Aquí apostamos por nin tan sequera citar ningunha das entidades organizadoras, malia recoñecermos o seu traballo e o seu esforzo. Consideramos que algunhas actitudes son manifestamente mellorábeis, mais outorgámoslle á manifestación do domingo a máxima importancia e por iso rexeitamos facer calquera outra valoración. Cremos que ten que ser histórica e cremos que así o vai ser. Están equivocados os que pensen que poden aproveitarse da grande masa social e orientala en favor dos seus intereses, atribuíndose mérito ningún. Vai ser o pobo quen colla as faixas e quen berre as consignas. É vital estar, sexa diante na cabeceira, polo medio ou contra atrás. De seguro que se os liquidacionistas da nosa lingua puideran deseñar o panorama do domingo o farían sementando divisións, mandando a uns cara a un lado e a outros para outro, entrecruzando berros e descualificacións de diante para atrás.
Que o domingo gañe a responsabilidade, porque gañará o pobo e gañará a lingua. Non veremos referencias nos medios públicos galegos pero estarán tomando nota en San Caetano. Non o esquezamos.
Adiante!


Chúzao
del.icio.us
