AVANTE TODA!!

Adóitase nestes casos falar de cifras para medir a magnitude de manifestacións como a deste domingo. Sempre difiren os números que se dan, mais o que non enganan son as imaxes. Unha inmensa multitude volveu ateigar Compostela, como xa o fixera o 17 de maio, para expresar a firmeza do pobo galego en prol da súa lingua e contra as políticas exterminadoras do Goberno de Feijóo. Cómpre salientar o vergoñento capítulo de escandalosa manipulación por parte da Televisión de Galicia, que logo de censurar e agochar todo o referido á manifestación nos días previos, ofreceu un visión totalmente parcial e subxectiva.
A impresionante manifestación deixou de novo ben ás claras o rexeitamento maioritario da sociedade, activa e organizada, ás políticas lingüísticas da Xunta. O amplísimo abano social representado en Compostela desmonta as pouco inxeniosas acusacións de ser unha marcha “politizada”, única escusa que lles queda aos doentes. A cantidade de organizacións e colectivos que amosaron o seu apoio á convocatoria así o demostrou, mesmo incluíndo a presenza da práctica totalidade dos partidos políticos galegos. Ben é certo que nalgúns casos cumpriría facer coherente a presenza en manifestacións coma esta cos feitos que na práctica se demostran.
Pouco máis que os cualificativos habituais nestes casos é o que quedar por dicir. A sobresaínte resposta social estivo acorde coa gravidade da situación na que este PP puxo o noso idioma, mais de seguro que xa ten a certeza tanto el como o resto de satélites galegófobos que xiran ao seu redor que a determinación do pobo é firme e que non pasarán. Como estaba previsto, a marcha transcorreu en dous bloques. O maioritario atendeu ao chamo da plataforma Queremos Galego e rematou na Quintana; a parte de atrás da manifestación ía baixo o lema “polo monolingüísmo social” e dirixiuse á Praza do Toural.
Capítulo á parte merece a “actuación” da televisión pública de Galiza. Semella que temos aquí de novo o esplendor dos tempos escuros da censura fraguista. Á parte de ignorar absolutamente a grande mobilización que se prevía durante a semana, silenciaron todos e cada un dos múltiples actos que se viñeron realizando por case todas as comarcas do País. Na mañá do domingo
enviaron un equipo á Praza da Quintana para realizar conexións en directo. En todo momento a información foi absolutamente tendenciosa, virando o sentido das frases cara as teorías dos que non estaban na manifestación, esquivando permanentemente o sentido da mobilización e buscando manobras que impediran difundir o verdadeiro impacto da mesma. Os manifestantes non reclamaban “maior uso do galego”, o pobo saíu á rúa en defensa da súa lingua propia que se ve ameazada polas intencións do seu propio Goberno, algo até o de agora insólito. Coma este exemplo poderíamos citar moitos máis, pero abonda con facer referencia ao cumio da indignidade e da desvergoña. Unha das conexións en directo realizouse no medio de contundentes berros de “televisión manipulación!” e outra foi preparada para cando a Praza da Quintana comezaba a baleirarse logo de encherse por primeira vez, desta maneira as imaxes ofrecerían unha visión irreal ao deformar a asistencia real. Tralas críticas, a TVG ofreceu no telexornal deste luns unha disparatada versión dos feitos que remataba por acusar aos manifestantes de “insultar”, “increpar” e mesmo “intimidar” aos xornalistas impedíndolles realizar a súa tarefa informativa. A acusación a Avelino Pousa Antelo de insultar ao profesional da Galega é simplemente desprezábel.


Chúzao
del.icio.us
