Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

21/10/2009 GMT -1

MOTIVOS POLOS QUE SAÍR Á RÚA

augasceives @ 20:53

Artigo de Alberte Outeiro no que resume e compara as tres grandes manifestacións que se produciron esta fin de semana no Estado Español: Madrid, Donosti e Compostela. 

 

Soubemos esta fin de semana de tres grandes manifestacións noutros tantos puntos da xeografía do Estado. Na tarde do sábado discorreu por Madrid unha mobilización contra a nova Lei do Aborto secundada polos principais líderes da dereita española; ao tempo, a cidadanía vasca saíu ás rúas de Donosti para rexeitar as detencións políticas de varios nomes sobranceiros do independentismo vasco; na mañá do domingo tivo lugar en Compostela a expresión palpábel da defensa por parte do pobo galego da súa propia lingua fronte aos ataques do Goberno da Xunta. As tres obtiveron grandes resultados no que se refire a participación, tendo sempre en conta o abano ao que se abría cada unha das convocatorias. Porén, a repercusión que tivo nos medios cada unha delas foi ben diferente

As rúas de Madrid acolleron ás xentes chegadas en máis de setecentos autobuses de todo o Estado, estaban chamadas a manifestarse contra a política do goberno do PSOE no referido á reforma da Lei do Aborto. En realidade podería ser esta ou calquera outra a motivación que a dereita política e mediática utilizara para manifestarse contra Zapatero. Trátase dunha mobilización contra o que é un lei que ampliará dereitos, algo tan básico como a posibilidade dunha muller de decidir sobre o seu corpo, de controlar (se preferimos termos sociais) a súa capacidade reprodutora. Semella como se o Goberno que impulsa esta normativa fora “obrigar” ás mulleres (en especial ás máis novas, para engadir morbo) a practicar o aborto. Detrás desta política érguese o alongado pano ideolóxico que tece a Igrexa Católica. A anulación da ciencia e a imposición da moral católica emprégase como argumento válido para tentar influír xa non nos e nas cristiás, senón no conxunto da sociedade. A amplitude da influencia que as cavernas eclesiásticas teñen sobre os poderes civís sitúanos a estas alturas procurando atopar a delgada liña vermella que separa as conviccións católicas das normativas sociais. Proba do atraso democrático dun Estado que aínda non foi quen de deixar atrás a “longa noite de pedra”. Con todo, os medios de comunicación comerciais e mesmo os públicos outorgáronlle unha grandísima atención, nomeadamente e pola parte que nos toca, a CRTVG, en mans do fanatismo ultracatólico do PP.

A resposta da cidadanía vasca á operación politico-policial do Goberno Español a pasada semana en Euskadi non se fixo agardar, e foi tamén a tarde do sábado a que escolleu a chamada “maioría sindical vasca” para chamar á mobilización. A descerebrada e fascista operación deu coa detención de varios cidadáns vascos polo simple feito de estaren reunidos co agravante por suposto da súa opinión política. Atrás quedou xa mesmo a fascista “lei de partidos”, pois desta volta non se ilegalizou formación ningunha. A ofensiva española contra calquera proposta do independentismo vasco é total e absoluta, non queren nin ouvir falar de ningunha posíbel saída razoada ao conflito vasco e rexeitan frontalmente o traballo que si está a facer a esquerda abertzale para atopar unha solución a un problema que cada vez está máis claro que o bipartito PP-PSOE non quere resolver. A violación de dereitos como o de simplemente reunión ou asociación trasladounos de súpeto a varias décadas atrás, mesmo lembrándonos aquel 3 de marzo… Nula cobertura a recibida por parte dos medios propagandísticos madrileños, así como da propia CRTVG. Uns e outra censuran permanente calquera outra visión da sociedade vasca que non sexa “a oficial”.

A do domingo en Compostela non tiña por obxectivo, como a de Madrid, oporse a ningunha ampliación de dereitos, senón máis ben conservar o dun pobo coma o noso a vivir na súa lingua. Era, polo tanto, unha manifestación máis de resposta a unha política do Goberno (tal que a de Donosti), neste caso do da Xunta. Saíu á rúa a expresión máxima do pobo galego, representado en innumerábeis colectivos e entidades que lanzaron un berro contra as agresións de Feijóo á lingua galega. A política lingüística do PP busca reducir os espazos de uso público do galego, limitar a presenza o oficial da nosa lingua e deixar de garantir que os cidadáns deste país coñezan e poidan usar o seu idioma en calquera ámbito da vida cotiá. No capítulo da cobertura mediática, os medios públicos deste país experimentaron un novo episodio no que a manipulación se refire. Lembrando o esplendor da censura fraguista, a televisión pública non procurou desta vez agochar a mobilización (como si o fixo nos días previos) senón manipular o impacto real da mesma, con informacións tendenciosas e imaxes que orientaran cara a unha distorsión da realidade.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis