Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

24/10/2009 GMT -1

MÁIS COCHES E MENOS TRENS

augasceives @ 14:09

Posto que non existen nin conviccións nin atrevemento no seo da política oficial española para entender que unha mudanza de sistema é a única e verdadeira solución para superar o esborralle capitalista, as medidas adoptadas polo Goberno Español (e que tomaría calquera outro dos partidos institucionais atados ao capital) van na liña de non modificar nada das estruturas que provocaron esta situación. Unha das máis comentadas foi a inxente cantidade de diñeiro público que se destinou á “axuda” para a compra de automóbiles, á procura de “estimular o consumo” (din) e de paso botarlle unha man á industria. Xa temos comentado que é incomprensíbel que si existan axudas para este sector especificamente e que se neguen sistematicamente a outros como o por exemplo o gandeiro. Mais estas políticas conteñen unha fonda incoherencia que descubre a verdadeira ansia dos gobernantes: que sexan os mesmos petos de sempre e mailas diferenzas sociais as que sigan medrando.

 

A prórroga anunciada polo Ministro de Industria da subvención para a compra de coches é en si mesma unha medida de autopropaganda para espallar a sensación de que foi unha decisión acertada, que ademais mantén contentos aos magnates do sector. O que non se garantiu foi a estabilidade dos postos de traballo.

Seguindo polo rego do automóbil, coñeciamos tamén en días pasados a intención da DXT de limitar a velocidade nos treitos urbanos a 30 kms/h. É difícil que nos saquen do convencemento de que a única motivación deste organismo é o afán recadatario e que a diminución da sinistralidade é algo bastante secundario nas súas miras. Demóstrano as súas accións, o lugar onde sitúan os seus instrumentos sancionadores, a sinalización viaria propia de hai varias décadas… é máis o conxunto que define as súas políticas que exemplos concretos que se poidan citar.

É que as competencias de tráfico que o Estado non lle quere ceder á nosa administración autonómica son unha boa fonte de ingresos. Porén a devolución deses fondos en forma de investimentos en novas vías ou o mantemento das que xa hai non se ve por ningures. Mentres se fan agresivas campañas publicitarias nas que se criminaliza e culpa sempre ao condutor dos accidentes de circulación, non se dá paso ningún para fomentar o transporte colectivo, que sen dúbida sería a primeira medida contra as mortes nas estradas. É máis, todas as accións fomentan o aumento dos vehículos particulares e polo tanto do tráfico nas estradas, que á súa vez engordarán as alforxas dos radares. Así o confirma a intención diabólica dos planos do Goberno Estatal en materia ferroviaria: o desmantelamento dos servizos de proximidade en prol das grandes e agresivas infraestruturas de alta velocidade.

Se falamos da loita polo tren non se pode pasar sen citar a plataforma “Salva o Tren”, que está a realizar un máis ca meritorio e continuo traballo contra a desaparición das estacións nas pequenas vilas galegas. O desartellamento dos servizos que vertebran interiormente un país como Galiza, dunha complicada orografía, é a proba máis evidente da nula importancia que alá nos outorgan. A imposibilidade de contar cun transporte público de calidade que una as pequenas vilas veciñas é un síntoma do atraso histórico dun territorio, que agora queren condenar definitivamente ao afogamento. Os grandes soños de conexións coa Meseta exclúen os máis ca prioritarios enlaces interiores.

Por resumir, o Estado Español está a fomentar o transporte privado fronte ao colectivo unicamente polos réditos que este lle supón. É falso que sintan preocupación pola sinistralidade nas estradas, non lles importa máis que para presentar cifras que avalen unha política predadora de sancións e cobro permanente de multas. Ao Estado Español non lle importa que Galiza non conte cunha rede interna ben tecida no que a transporte público se refire, o que si quere é contar cun acceso rápido que en pouco tempo achegue a Madrid as praias e os bos restaurantes galegos. O que o Estado Español (e os que asenten diante das súas pretensións) quere non é garantir a supervivencia dun sector prioritario na economía deste país (como é o agrario), senón a consolidación das grandes multinacionais que fagan xira a roda do consumismo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis