A MENTIRA QUE QUERE SEGUIR MEDRANDO
Hai exemplos dabondo nos que a repetición sistemática dunha mentira chega a superar tal categoría para asentarse como “posíbel verdade”. A lea ficticia do topónimo da cidade d’A Coruña é un deses exemplos. A invención do topónimo en castelán ou en galego é falsa e carece de base ningunha, tan só a crenza de que a castelanización do artigo castelaniza tamén o nome e o espallamento de que son válidas as dúas opcións segundo o idioma no que se fale. O pór en cuestión que a única forma válida dos topónimos galegos é a autóctona non é máis ca teimar á procura de rédito político, malia expresárense mesmo as instancias da Xustiza en favor do que recolle a lexislación. Onte tivo lugar na Coruña un pleno extraordinario verdadeiramente esperpéntico, que fedía a políticos incompetentes, cínicos e cheos de autoodio. A suma dos votos deu un resultado que resulta humillante o cuestionalo.
A incompetencia do líder franquista do PP da Coruña, Carlos Negreira, lévao a centrar a súa política municipal na súa xenreira contra a lingua para agochar a carencia de alternativas que o puideran facer chegar á Alcaldía. Pero xa é sabido o carácter deste individuo e non é de sorprender, aínda que resulta ridículo que fóra o propio PP o que levara aos Xulgados a Vázquez precisamente por esa cuestión.
O verdadeiramente indignante é o comportamento do PSOE. A rancia herdanza do “vazquismo” que gustosamente adopta o boneco Losada lévao a reafirmarse nesa característica indefinición que fai que o “G” lle quede lonxe ao PSdeG. Entrar no xogo e na provocación do PP supón medo por perder o posíbel caladoiro de votos e non estar seguro nunha postura determinada. Porque no fondo, o convencemento do PSOE segue a ser que hai que deturpar o topónimo. A inexplicábel e desprezábel manobra do Alcalde delátao. Despois de votar no Pleno en contra da proposición do PP de instar á Xunta a modificar o nome da cidade, remite unha carta a Feijóo instándoo a que sexa o Goberno Galego o que inicie os trámites para a violación da Lei da Toponimia na cidade herculina. Esgótanse os cualificativos.
O mesmo PSOE que hai poucos días apoiou e estivo presente na multitudinaria manifestación en contra da política lingüística da Xunta do PP agora critica a Lei de Normalización Lingüística. Debería explicar se o grupo municipal contradí ao conxunto do PSOE en Galiza, ou se este busca en cada momento a foto coa que pensa tirar máis rédito electoral. O que é certo é que está contribuíndo á estratexia galegófoba do PP e dos minúsculos grupos que apoian a liquidación do idioma. Está facendo que a mentira medre e se repita até asentar na sociedade á falsa idea da cooficialidade, tal que se tratara das linguas. Os topónimos deben estar preservados da perversa “liberdade” que prostitúen para defender as súas teses.


Chúzao
del.icio.us
