PAGUE E CALE
Artigo de Alberte Outeiro ao fio da aprobación da nova Lei de Tráfico, que "facilita" o pagamento inmediato das sancións económicas.
O Congreso dos Deputados vén de aprobar a nova Lei de Tráfico co apoio de todos os grupos agás o Partido Popular. Ao igual ca o resto das características que conforman a política do PSOE neste sentido, a nova normativa está adornada con declaracións que fan referencia á seguranza viaria, á facilidade dos condutores para efectuar o pago das sancións e en definitiva a argumentos que fan crer que o interese que os move é o de mellorar as condicións de circulación e reducir os accidentes de tráfico.
Por suposto, nada máis lonxe da realidade. Porque se xa tiñamos o convencemento pleno de que a verdadeira finalidade da DXT e do Ministerio era unicamente a recadación, agora achegan unha nova e definitiva proba de que isto é así. Cada unha das súas accións, cada unha das súas campañas ten como motivación o aumento das sancións. Poderíamos facer unha longa listaxe de porque isto é así, presentando exemplos e cuestionando cada unha das súas medidas. Mais todos sabemos onde, cando e como sitúan os radares, todos sabemos que as mellores medidas de disuasión son as sinalizacións, todos sabemos a vontade que teñen en mellorar a rede viaria, o código de circulación e a sinalización das estradas.
A partires de que a nova lei entre en vigor, unha serie de medidas encamiñadas ao pagamento rápido das multas activaranse tamén. A ampliación do abano de sancións e o recorte de dereitos son o pano de fondo desta modificación. Detrás do suposto aumento da comodidade para os infractores á hora de pagar unha sanción no prazo de vinte días (quince actualmente) reducíndose nun 50% (30% hoxe) o que está é a chantaxe da rebaixa no importe a cambio de asegurarse ese cobro. Ademais, ao efectuar o pagamento, suprímese o dereito de recurso posterior. Non cabe dúdida de que estamos perante un claro caso de violación de dereitos, pois malia que se trate da propia administración estatal, a posibilidade de recurso debe estar garantida sempre.
É quizais a característica máis evidente do verdadeiro espírito xa non desta nova lei, senón da política en conxunto do organismo recadador chamado DXT e baixo os fíos do sinistro represor Rubalcaba. Por se fóra pouco, lanzaron xa o debate do que previsibelmente será a súa próxima medida estrela: redución da velocidade máxima de 50 a 30 km por hora en vilas e cidades. Algo completamente fóra de lugar se temos en conta que o código de circulación e a sinalización viaria datan de tempos nos que a tecnoloxía automobilística ía moito por detrás das posibilidades que hoxe ofrece. Mais acertado se o situamos no marco da súa política: a sancións incrementaranse de xeito importante reducindo esa xa cativa marxe para o que hoxe son os considerados treitos urbanos.
Mentres aumentan espectacularmente en época de crise as vendas de coches, vanse reaxustando as posibilidades de sanción, o que non deixa de ser unha forma máis de apuntar cara os petos das clases socias.


Chúzao
del.icio.us
